Acordo entre a Xunta e Gadis para potenciar o galego entre a mocidade

Román Rodríguez, Melisa Pagliaro, José Luis Fernández Astray e Valentín García, na presentación da iniciativa.   | // L. O.

Román Rodríguez, Melisa Pagliaro, José Luis Fernández Astray e Valentín García, na presentación da iniciativa. | // L. O. / Redacción

Redacción

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta e Supermercados Gadis asinaron un acordo de colaboración para promover o uso do galego nas plataformas dixitais. O obxectivo é potenciar e recoñecer o talento dos mozos que utilizan este idioma para crear contidos orixinais e innovadores nas redes sociais.

A empresa lanzará un concurso de vídeos creativos en TikTok este verán, entre os meses de xuño e setembro, no que se premiarán as mellores pezas en diferentes disciplinas: arte, música, audiovisual e poesía. Os criterios de valoración terán en conta a calidade técnica e do contido, así como a xenialidade amosada no seu desenvolvemento.

“Achegarnos á mocidade e visibilizar o seu talento, á vez que favorecemos o emprego do noso idioma aproveitando as ferramentas que nos ofrecen as plataformas dixitais é un dos nosos obxectivos. Tamén queremos amosar o valor da colaboración público-privada no eido cultural e creativo” , explican responsables de Gadis.

O conselleiro Román Rodríguez e a directora de Marketing e Responsabilidade Social Corporativa de Gadisa Retail, Melisa Pagliaro, selaron o acordo en virtude do cal se desenvolverá esta colaboración a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa que se queren establecer vínculos para poñer en valor o Día das Letras Galegas de forma permanente. No acto tamén estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director de Comunicación da compañía, José Luis Fernández Astray.

Como empresa cen por cen galega, Gadis foi pioneira en Galicia no recoñecemento e difusión da lingua galega, así como das súas diferentes manifestacións culturais. Cada ano, emprende diversas iniciativas para celebrar o 17 de maio e, en 2023, pretende ampliar a súa conmemoración e alcance con este concurso para chegar aos galegos e galegas máis novas.

Supermercados Gadis ten previstas, ademais, outras accións culturais para dinamizar o uso deste idioma común que reforza a identidade galega.