Dous investigadores da Universidade da Coruña, premios da Academia da Ciencia

A institución recoñeceu a labor da bióloga Aurora Grandal e o matemático Ricardo Cao | O economista Manuel Colmeiro é homenaxeado polo seu compromiso con Galicia

Aurora Grandal recibe a medalla ‘Antonio Casares Rodríguez’. |   // LO

Aurora Grandal recibe a medalla ‘Antonio Casares Rodríguez’. | // LO / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Dous investigadores da Universidade da Coruña (UDC) foron recoñecidos onte coas Medallas de Investigación que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que celebrou no Pazo de Fonseca en Santiago o acto do Día da Ciencia en Galicia. Os galardoados da universidade coruñesa foron Aurora Grandal e Ricardo Cao, recoñecidos coas medallas na sección de Química e Xeoloxía e Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, respectivamente. O acto serviu tamén para rendir homenaxe ao economista Manuel Colmeiro, polo seu compromiso coa modernización económica, social e política da comunidade galega.

Ricardo Cao recibe a medalla ‘Enrique Vidal Abascal’. |   // LO

Ricardo Cao recibe a medalla ‘Enrique Vidal Abascal’. | // LO / REDACCIÓN

Os dous investigadores e docentes da UDC levaron dúas das cinco Medallas de Investigación que otorgou a Real Academia Galega de Ciencias. Ricardo Cao fíxose coa medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. Catedrático de Estatística e Investigación Operativa na UDC, cos seus traballos Cao está a ter repercusión en campos tan relevantes como a computación, xenética, neurociencia, oncoloxía, enerxía ou a matemática financeira.

Pola súa banda, Aurora Grandal levou a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía. Directora do Laboratorio de Paleontoloxía Molecular da UDC, Grandal conta cunha intensa actividade no estudo dos mamíferos fósiles dos xacementos galegos, un campo “practicamente inexplorado ata o comezo dos seus traballos e no que sempre se amosou moi innovadora”, segundo explicou a RAGC.

Xunto aos dous galardonados da universidade coruñesa, as persoas distinguidas este ano foron o catedrático catedrático de Xenética da Uiversidade de Vigo, David Posada, medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Co seu traballo, o investigador vigués está a centrar as súas investigacións na evolución xenómica dos procesos canceríxenos.

Jesús F. Salgado, da Universidade de Santiago, foi recoñecido coa medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais, pola mellora dos instrumentos de selección de recursos humanos. Pola súa banda, o investigador da Universidade de Vigo Fernando Obelleiro le vou a medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas, por unhas contribucións científicas están a ter “importantes aplicacións” nos sectores naval, aeroespacial e defensa.

O acto do Día da Ciencia en Galicia, homenaxeou ao economista Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 — Madrid, 1894), considerado “unha forza de cambio económico e social en Galicia e España”, como Científico Galego do ano 2023.

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, resaltou o feito de que a elección do Cientítico Galego do Ano recaeu por primeira vez no ámbito das Ciencias Sociais. “O profesor Manuel Colmeiro é unha personalidade extremadamente activa que xogou un rol clave na Galicia e España da segunda metade do século XIX, nunha etapa particularmente convulsa. O seu legado é enorme nas súas diferentes facetas como historiador, administrativista, xurista, político... pero en especial na súa escolla como científico do ano primou o seu perfil de economista comprometido coa sociedade. Foi un activista social convencido de que o papel transformador da ciencia, neste caso da economía, é o de loitar por unha sociedade máis próspera e xusta. Un obxectivo que compartimos ferventemente” , salientou Lema.

Durante o evento proxectouse o vídeo Manuel Colmeiro, unha forza de cambio económico e social, no que se aborda a traxectoria vital e profesional do homenaxeado nesta edición do día da Ciencia en Galicia. E presentouse a revista da Academia A Ciencia en Galicia, dedicada neste número a Colmeiro, e na que se recolle ademais a principal actividade da Academia e os fitos científicos máis relevantes no último ano na nosa comunidade.