O Premio Otero Pedrayo recoñece o labor do exdirector da RAE Darío Villanueva

O xurado distingue a traxectoria do académico, profesor e crítico literario pola súa contribución á cultura no campo das letras e do coñecemento

Darío Villanueva.  | // MARINA GUILLÉN

Darío Villanueva. | // MARINA GUILLÉN / REDACCIÓN

REDACCIÓN

O xurado do Premio Otero Pedrayo, impulsado pola Xunta e as catro deputacións provinciais, vén de fallar o galardón deste 2023 a favor de Darío Villanueva, polos seus “méritos no académico, na investigación e na actividade profesional como crítico literario e escritor, así como no institucional”. O premio está dotado con 16.000 euros e recoñece a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e do coñecemento, como é o caso do tamén exrector da Universidade de Santiago (exerceu o cargo entre 1994 e 2002) Darío Villanueva.

O xurado, composto por representantes do Goberno galego, das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega (RAG), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, destacou a traxectoria do vilalbés, autor de numerosos ensaios sobre escritores como Valle-Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Camilo J. Cela ou Emilia Pardo Bazán. Tamén foi presidente da Real Academia Española (RAE), entre 2014 e 2018. O profesor é colaborador de LA OPINIÓN, do grupo editorial Prensa Ibérica, e do suplemento Abril, onde cada mes publica un artigo baixo o lema Fe de errores. Ademais, é o presidente do xurado dos Premios Gallegos del Año, que, organizados por este xornal, se entregarán no mes de decembro.