Pioneiras, comprometidas, irmás na fala

Unha serie documental da Real Academia Galega amosa as mulleres das Irmandades

Elvira Bao (cuarta pola esquerda, arriba) e María Miramontes (sexta pola esquerda na segunda fila).

Elvira Bao (cuarta pola esquerda, arriba) e María Miramontes (sexta pola esquerda na segunda fila). / RAG

“Non é por casualidade que ela vaia a Madrid a entregar o Estatuto, é a única muller. Non é por casualidade. Non vai por señora de, vai por militante activa do Partido Galeguista”, conta a historiadora Encarna Otero sobre a bergondesa María Miramontes, unha das cinco figuras femininas destacadas do movemento das Irmandades da Fala, visibilizadas a través da serie web en formato documental Irmás na Fala, producida pola Real Academia Galega con apoio económico do Concello da Coruña e realizada por Nós TV.

Micaela Chao Maciñeira.   | // RAG

Micaela Chao Maciñeira. | // RAG / M. Villar

Os catro episodios emitíronse ao longo de todo o mes de novembro e poden verse tanto en academia.gal como YouTube, Nós TV, Movistar Plus e R. Para moitas persoas será un descubrimento e unha sorpresa saber a importancia e o papel relevante destas mulleres tantas veces invisibilizadas en actividades coma a formación da clase traballadora ou o compromiso co idioma galego, co galeguismo e os ideais republicanos.

Grazas a este traballo audiovisual coñecemos, por exemplo, que cando se fundaron as Irmandades da Fala na Coruña en 1916, nas fotos de aquel momento só hai facianas masculinas menos unha, a de Micaela Chao Maciñeira (Ortigueira), e por mérito propio, non por ser muller de Antón Villar Ponte. Participaba nos debates políticos e loitaba polo seus dereitos como cidadá cando aínda non se recoñecera o voto feminino.

María Miramontes foi mecenas de proxectos coma as Escolas de Insiño Galego, responsable da creación da editorial Nós en 1927 xunto ao seu home Ánxel Casal. Estas escolas foron impulsadas polas Irmandades para galeguizar o ensino, e eran gratuítas. Mestra, no sanatorio de Oza entre 1920 e 1936, foi tamén a coruñesa Elvira Bao, unha docente que tivo un grande prestixio pero despois da Guerra Civil foi represaliada, estivo uns meses no cárcere e foi expulsada do ensino.

No documental vemos que Elvira Bao é case a primeira muller da que se sabe que pronunciou mitins e participou activamente na política. Fálase tamén de Amparo López Jeán (nada en Culleredo), presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña e a primeira afiliada do Partido Galeguista nesta cidade, unha muller cunha intelixencia que fixo que con 13 anos xa estivese a sacar o título de mestra e fose unha das primeiras alumnas do instituto na Coruña e das primeiras que sacou o bacharelato.

Coñecemos ademais á nadadora viguesa Emilia Docet, que foi Miss España 1933 e nas entrevistas falaba a prol de Galicia. Docet participou no Mitin das Arengas na praza da Quintana de Santiago xunto a figuras coma Castelao ou Otero Pedrayo.

En cada episodio son entrevistados historiadores coma Encarna Otero e Xosé Alfeirán; as académicas Ana Romero e Goretti Sanmartín; os filólogos Emilio Xosé Ínsua e Dolores Vilavedra; o deseñador Pepe Barro; a actriz Iria Pinheiro; e Felipe Ruíz, sobriño neto de María Miramontes e o seu home, o alcalde republicano de Santiago Ánxel Casal. Estas irmandiñas desempeñaron un papel político a nivel estatal e internacional e “viviron a militancia con alegría”.