O ‘ano Murguía’ despídese en papel

A RAG pecha o centenario do autor coa edición do catálogo da súa biblioteca e cun libro

Fernando Pereira, Víctor F. Freixanes, Marilar Aleixandre, Ramón Villares e Ana Romero Masiá.  | // C. PARDELLAS

Fernando Pereira, Víctor F. Freixanes, Marilar Aleixandre, Ramón Villares e Ana Romero Masiá. | // C. PARDELLAS / REDACCIÓN

REDACCIÓN

A Real Academia Galega (RAG) ponlle o ramo ao centenario de Manuel Murguía (Arteixo, 17 de maio de 1833–A Coruña, 1 de febreiro de 1923) coa publicación do catálogo da súa biblioteca e un segundo volume que recolle as achegas presentadas nas xornadas coas que a entidade lle rendeu homenaxe en 2023 a quen foi o seu primeiro presidente. O actual, Víctor F. Freixanes, presentou onte ambas as obras —dispoñibles xa en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal—, acompañado dos coorganizadores dos encontros, o director da Sección de Historia, Ramón Villares, e a directora da Sección de Literatura e académica arquiveira-bibliotecaria, Marilar Aleixandre; e mais o bibliotecario Fernando Pereira González, responsable da edición de Entre páxinas cheas de historia: os libros de Manuel Murguía na Real Academia Galega, un catálogo cos rexistros dos arredor de 2.000 volumes que conforman o legado bibliográfico do académico custodiado pola institución.

“Celebramos a memoria de Manuel Murguía con dúas publicacións que enriquecen o noso patrimonio. En ambos os dous volumes evidénciase a forte personalidade, o compromiso e a cultura do fundador da Academia, a súa visión de Galicia como proxecto nacional e a súa contribución á construción dunha idea moderna do país”, salientou Víctor F. Freixanes. “Cen anos despois do seu pasamento e case cento vinte dende a fundación da Academia, a súa figura medra en significación e transcendencia, sementeira de ideas e felices iniciativas. Murguía é un dos alicerces da patria”, concluíu o presidente da RAG.

“Rosalía é a figura esencial do rexionalismo literario, pero a do rexionalismo cultural e político é Manuel Murguía. El foi quen deseñou a idea de Galicia da que se alimentou todo o galeguismo do século XX”, engadiu na mesma liña o director da Sección de Historia, que asina unha das contribucións dos encontros celebrados na Coruña, na Universidade de Santiago (USC) e na Fundación Rosalía de Castro, en febreiro do ano pasado.

Un volume especial dos Anexos do Boletín da Real Academia Galega reúne agora as nove achegas presentadas nas xornadas. Son traballos arredor das institucións, das ideas de Galicia e da literatura nacional en Murguía que avanzan —destaca Marilar Aleixandre— na comprensión crítica do homenaxeado emprendida polo académico Xosé Ramón Barreiro (1936– 2021) na súa biografía (2012) e continuada por María Xesús Lama na de Rosalía de Castro (2017). A profesora da Universitat Autònoma de Barcelona é a autora doutra das contribucións reunidas que “abren camiños aínda por explorar”. As demais son as presentadas pola académica correspondente Ana Romero Masiá, o investigador Emilio Xosé Ínsua, o deseñador Pepe Barro, os historiadores Ramón Máiz e Justo Beramendi e os filólogos Xurxo Martínez e Ana Acuña Trabazo.

O catálogo da biblioteca de Murguía forma parte tamén da colección Anexos BRAG e edítase igualmente co apoio da Deputación da Coruña. Este traballo monumental, dedicado á memoria do profesor Barreiro —presidente da Academia entre 2001 e 2009—, inclúe información dos 2017 exemplares do legado de libros e folletos de Murguía conservados na RAG, así como das 147 cabeceiras, precedidos dun completo limiar. “Preparado con rigor e agarimo por Fernando Pereira, fornece de informacións preciosas sobre as lecturas e intereses de Murguía. Sen dúbida, será crucial para a investigación sobre o fundador da Academia”, valora Marilar Aleixandre.

Moitos libros que formaron parte da biblioteca de Murguía desapareceron pero, así e todo, o legado recibido pola RAG constitúe un conxunto de abondo significativo para desvelar a natureza dela e coñecer mellor o pensamento do historiador e a súa obra.