Darío Villanueva | Académico da Real Academia Española (RAE), da que foi o seu director

“Os ‘whatsApps’ equivalen aos telegramas de antes”

“A lectura é o gran instrumento para perfeccionar o coñecemento dun idioma”

CHARO BARBA

Darío Villanueva está contento cos datos que revelan o último Barómetro de Hábitos de Lectura. El ve a botella medio chea porque se hai un terzo da poboación que non le nunca, os outros dous terzos si que o fan. E é que considera a lectura primordial. “Non é tanto cuestión de memorizar normas, senón de ler, porque a través da lectura prodúcese unha memorización ortográfica que facilita extraordinariamente escribir de modo correcto”, asegura.

Esta semana fíxose público o Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España, que revela que un tercio da poboación nunca abre un libro, nin entra nunha biblioteca nin vai a un museo. Que lle parece o dato?

Que dous tercios da poboación teñan hábitos culturais paréceme un nivel realmente moi interesante. A cultura significa, por unha parte, educación, significa dedicación ao incremento da intelixencia... á adquisiciónde cultura... hábitos que son esixentes; penso que moi rendibles, pero que teñen que competir con outros moito máis doados, quizais máis populares, que teñen unha impronta grande e que ademais nos últimos tempos están moi favorecidos por unha certa desculturalización xeral que se está producindo a través de moi diversos medios. En fin, non vexo nada preocupante na miña opinión nese dato, senón máis ben ao contrario: dous tercios da poboación tenen hábitos culturais.

Nestas últimas semanas hai un debate na sociedade sobre se é axeitado o uso de ordenadores ou móbiles na escola. Está de acordo?

Eu penso que está moi estudiado. Falan os educadores pero tamén os psicólogos, os médicos... o móbil é un instrumento que crea adicción, que vai directamente á mente das persoas, e as persoas menos resistentes son os máis novos e polo tanto hai un perigo evidente. Ademais están confirmándose datos que o indican, que incluso teñen que ver con depresión, actitudes de autolesión e dano aos demais, machismo, agresións verbais, de falta de empatía… Está moi demostrado e a clave está no móbil porque isto antes non ocorría porque non había móbiles. Se eu fose profesor nos niveis primeiros educativos esa dependencia dos estudantes do móbil pareceríame perigosísima porque ademais significa distracción, falta de concentración, falta de intensidade na comprensión de mensaxes complexos, longos. As tecnoloxías teñen moitos aspectos bos pero tamén teñen unha incidencia que pode ser moi negativa sobre a saúde e a conducta das persoas.

O último informe PISA descubriu que os alumnos españois, incluídos os galegos no mesmo tanto por cento, baixaron en matemáticas e en comprensión lectora. Cre que se debe a isto precisamente?

É un dos factores que intervén. É un tema que me interesa como profesor e intelectual. No meu último libro, que acabo de entregar na imprenta, trato precisamente deste tema. Non é o único factor que inflúe. Tamén inflúe, e trátoo nun capítulo, un proceso de degradación dos sistemas educativos, que empezou en países tan desenvolvidos como Suecia nos anos 60 a través dun modelo educativo que renunciase ao principio de que a educación significa adquirir coñecemento, e que isto supón esforzo e a dirección con autoridade do profesorado fronte a un abandono total desa autoridade. Estes sistemas, como digo, comezaron en Suecia e nos Estados Unidos cos resultados que sabemos. O malo é que outros países, despois de ter comprobado o fracaso total nos países pioneiros, estamos aplicando o mesmo procedemento. E logo vén o informe PISA e resulta que varren os resultados de países como Singapur, Corea, Xapón ou China, que nunca aceptaron esta nova formulación. Para min o asunto tecnolóxico ten a súa importancia pero máis importancia ten esta educación que algúns chaman comprensiva, que vai degradando todo o que de adquirir coñecemento significa de esforzo e de sistematicidade.

E a quen lle corresponde introducir aos nenos e á xente nova na lectura, nos pais, nos profesores?

Os datos estatísticos indican que na infancia e na primeira adolescencia o índice de lectura é máis alto que despois. É dicir, que os lectores se perden despois. Nós en Galicia temos unha produción de literatura infantil e xuvenil potentísima, de moi alta calidade literaria, e que tamén ten xerado unha industria que, por outra parte, a través das traducións transcenden o ámbito da nosa lingua e chegan a moitos outros. O problema aí non é tan grave. Non é descubrir ningún Mediterráneo dicir que o hábito de lectura encontra no ámbito familiar un terreo moi abonado cando se dá, pero eu coñezo tamén moitos casos de rapaces nos que na súa casa non hai biblioteca e non hai por parte dos pais un hábito de lectura e que, sen embargo, o adquiren. Neste caso, o sistema educativo é absolutamente fundamental. Hai moitas cousas que ensinar pero hai algúns obxectivos absolutamente prioritarios.

E a lectura é un deses obxectivos prioritarios?

Todo o que ten que ver coa linguaxe. A linguaxe significa manexar a túa lingua ou as túas linguas cando tes máis de unha e para iso é fundamental ler. A lectura é o gran instrumento para perfeccionar o coñecemento dun idioma. O asunto ortográfico é fundamental. Non é tanto cuestión de memorizar normas senón de ler, porque a través da lectura prodúcese unha memorización ortográfica que logo facilita extraordinariamente escribir de modo correcto.

Agora os estudantes chegan á universidade, e saen dela, cada vez con máis erros de ortografía. É que xa non importa?

Isto forma parte quizais dese entramado según o que no sistema educativo as regras, as normas, e o esforzo por adquirir coñecementos identificábanse con autoritarismo. Isto foi unha peste que se introduciu no sistema educativo, o feito de confundir o coñecemento e o esforzo co autoritarismo. Aí a vítima é a ortografía. Eu sempre considerei que aí estaba un problema. A ortografía vincúlase moito ao concepto dun autoritarismo falso cando en realidade a ortografía é unha normativa, un código, fundamental para manexar habelenciosamente o idioma, que é noso.

Porque ademais quizais sexa a xeración que máis escribe, pero en redes sociais e de calquera xeito…

Si. A escritura nestes medios ás veces faise dunha maneira desenfadada e pouco atenta, pero a min non me preocupa por unha razón moi sinxela: no século XIX o gran avance tecnolóxico desa era eléctrica foi o telégrafo e todos os da miña idade recordamos como eran os telegramas. Non se escribían conforme a todas as regras gramaticais e ortográficas porque como se pagaba por palabra pois se suprimían nexos, utilizábanse formas verbais simples... E funcionaba cando se facían telegramas, pero fóra diso escribiamos poemas ou cartas de amor conforme as normas xerais da ortografía e da gramática. Neste senso, como profesor universitario, se os meus alumnos me mandan un whatsApp, nel pode haber licencias deste tipo, pero cando me fan o traballo de fin de curso teñen que presentarmo cunha ortografía perfecta.

Podemos dicir que os whatsapps son os telegramas de antes?

Si, claro, son os whatsApps e os SMS, que agora se empregan moito menos. É equivalente, é unha forma de comunicación electrónica. O que si é certo é que aquí non funciona o asunto económico, porque os telegramas pagábanse por palabras e aquí non, pero por exemplo os tuits si que teñen un número tasado de palabras, que non se paga por eles, pero o que queres dicir tes que dicilo no espazo que tes. Isto non sucede nun SMS, nin nun whatsApp, pero si son evidentemente comunicacións feitas con urxencia e iso facilita abreviaturas, simplificacións sintácticas, léxicas… pero está circunscrito a ese contexto de comunicación especifico que é a comunicación electrónica.

Suscríbete para seguir leyendo