Versos dende o Papagaio coruñés

A RAG estrea a sección ‘Palabras de Luísa Villalta’ nos vinte anos do seu pasamento | As primeiras citas detéñense no poemario sobre a explotación sexual no barrio da cidade

Celebración da homenaxe a Luísa Villalta, onte no teatro Rosalía de Castro na Coruña.   | // CARLOS PARDELLAS

Celebración da homenaxe a Luísa Villalta, onte no teatro Rosalía de Castro na Coruña. | // CARLOS PARDELLAS / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Tal día coma onte, o 6 de marzo de 2004, Luísa Villalta morría na súa casa da Coruña por mor dunha meninxite. Cadrando co vixésimo cabodano da autora á que lle dedica o Día das Letras Galegas 2024 e a proximidade do 8 de marzo, a Real Academia Galega detense en Papagaio, o poemario que escribiu para as fotos de Maribel Longueira sobre o derrubamento do barrio da prostitución da súa Cidade Alta.

Neste volume, publicado postumamente, Villalta amosa o seu perfil máis comprometido e feminista, nun momento de madureza creativa. A esta obra, saída do prelo no ano 2006, pertencen os versos cos que a institución abre nas redes sociais e na súa web o espazo Palabras de Luísa Villalta, un mosaico que porá o foco, a través das distintas pezas que o irán completando ata o mes de maio, en fragmentos da súa obra con diversas palabras como guía.

A institución estrea ademais hoxe un novo episodio da serie O Seminario de Onomástica responde no que o filólogo da RAG Iván Méndez, estudoso da toponimia coruñesa, expón as distintas hipóteses sobre a orixe e o significado do nome do Papagaio para designar a que foi a zona de prostitución da cidade.

Amizade

A primeira voz elixida para a sección Palabras de Luísa Villalta é ‘amizade’, que abre un poema no que Villalta retrata o apoio mutuo que se brindaban as prostitutas do barrio do Papagaio: A amizade ten flor que rebenta nas paredes, / sobrevive da podremia mutua / e só precisa das fiestras abertas / onde nace e se deita o sol de dentro. / Compartir as cordas de tender a roupa / vibrantes de emoción e de necesidade / por aquelas cousas que a auga da vida / non dá lavado, pola dor que as esfrega... Estes versos de marcada sororidade ecoan tamén no limiar do libro, no que Francisco Fernández Naval lembra como se xestaron estas páxinas, froito da amizade entre Luísa Villalta e a fotógrafa Maribel Longueira.

Entre as Palabras de Luísa Villalta figura tamén xa ‘nome’. Este vocábulo na súa forma plural titula uns coñecidos versos da autora sobre a toponimia coruñesa incluídos en En concreto (2004), pero desta volta é tirado dunha das composicións da segunda parte de Papagaio, na que a escritora lles dá a voz ás prostitutas para reflectir como se senten e a explotación que sofren, nesta ocasión a través de nomes inventados que a muller que toma a palabra nunca volve usar: Era un nome bonito que non lembro. / Escollido ao azar (...) / E antes de levantarme / sobre a cama alcaiota cansa / xa me bautismei cun novo nome / de guerra / para non repetir / a muller vencida e esquecida / que acabo de coñecer.

Primeira gran homenaxe na súa cidade

Luísa Villalta recibiu este mércores a súa primeira gran homenaxe con motivo do vinte aniversario do seu falecemiento, no que participaron personalidades da cultura galega e amizades da autora. Marica Campo, Xulio López Valcarce, Cesáreo Sánchez e Eva Veiga abriron o acto, titulado Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta, que tivo lugar no teatro Rosalía de Castro, cun recital de poesía dos versos más íntimos da autora. A cerimonia celebrou á creadora coruñesa en todas as súas facetas como poeta, dramaturga, ensaísta, violinista, así como por su reconocida implicación social y política.