A Xunta impulsa unha plataforma con recursos dixitais para os docentes

Aula de Informática

Aula de Informática / LOC

B. C.

A Xunta está ultimando a posta en marcha de Ágora Dixital, unha plataforma especializada en recursos tecnolóxicos e dixitais ao servizo da docencia en Galicia.

Este novo espazo educativo, no que actualmente está traballando o Centro de Innovación Educativa e Dixital, publicarase á volta das vacacións de Semana Santa e concíbese como unha praza aberta da comunidade educativa na que, á semellanza da ágora da Antiga Grecia, os docentes poden achegarse aos últimos recursos sobre temática STEM e dixital creados por profesorado de diversas materias de niveis non universitarios da educación obrigatoria.

Trátase, por tanto, dun espazo de creación, de coñecemento e de diálogo colaborativo entre o profesorado con máis experiencia docente nestas temáticas cunha proposta de traballo en equipo no que se podan achegar ideas, estratexias e recursos de calidade e fiables previamente testados en contextos reais na aula.

Esta nova acción está concibida como unha ferramenta máis de apoio ao proceso de aprendizaxe dentro do sistema educativo galego, que se caracteriza pola convivencia dos métodos analóxico e dixital, que se complementan entre si. Nos próximos días está previsto o seu lanzamento público a través do web do Centro de Innovación Educativa e Dixital. Inicialmente a plataforma incluirá 90 publicacións de diversa índole que se verán incrementadas ata 150 antes de que remate o curso.

A dinámica de funcionamento de Ágora Dixital centrarase na colaboración e creación de redes de docentes que poidan enriquecer o ecosistema educativo e dixital galego e a visibilización de boas prácticas de calidade do profesorado do sistema educativo autonómico.

As publicacións estarán estruturadas en seis apartados ou laboratorios, denominados LAB: LAB-Microsecuencias, LAB-Espazos, LAB-Estratexias, LAB-Expert, LAB-Ideas e LAB-IA.