María Casares, a forza do aquí e agora

‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro, grande triunfadora da noite con sete galardóns, entre eles, Mellor espectáculo, Mellor actriz para Marta Lado e Mellor dirección para Tito Asorey

“Usamos o tempo para medir a vida, pero, para quen somos actrices ou actores, o tempo ten un significado distinto, pois que só é importante o aquí e o agora en toda a súa intensidade”. A irrepetible voz da recoñecida co premio de honra Marisa Soto, a actriz María Barcala, encheu ata o último recuncho do teatro Rosalía de Castro, que a recibiu cunha ovación e a despediu en pé. Fíxoo dende un lugar onde non existe o tempo nin o espazo, só o aquí e o agora: o escenario, reconvertido en barco pirata para celebrar a 28 edición dos premios María Casares. María Barcala pronunciou un discurso de agradecemento que fixo honra ao nome: agradeceu as compañeiras de travesía dende o ermo duns comezos que non foron fáciles, á colectividade que fai posible a experiencia teatral e á propia Marisa Soto, “amiga da alma e traballadora incansable”.

María Barcala recolle o premio de honra.  | MIRAMONTES

María Barcala recolle o premio de honra. | MIRAMONTES / marta otero mayán

A 28 edición dos premios María Casares estivo chea de homenaxes; a primeira e tácita, ao teatro musical, fío condutor da noite da man dun elenco composto por Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado que, baixo a dirección artística de Sara Fandiño, fixeron unha reivindicación, cantada e bailada, do imaxinario do mar, dos piratas e das sereas, berce de soños e motor da creación escénica.

Unha gala que tivo como grande triunfadora a Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, que colleitou sete dos nove galardóns aos que aspiraba (Mellor espectáculo, Mellor actriz protagonista, Mellor actor secundario, Mellor dirección, Mellor espazo escénico, Mellor adaptación, Mellor iluminación). A peza, que referendou vixencia cento corenta anos despois de ser escrita, chamou á crítica contra un xeito de facer política que antepón os beneficios económicos á saúde da poboación, como tamén sobre o poder da información para moldear a opinión pública.

Un momento da acción no escenario.   | // M.MIRAMONTES

Un momento da acción no escenario. | // M.MIRAMONTES / marta otero mayán

Un argumento ben acaído nunha gala marcada polo ton reivindicativo e de protesta cara a posta en marcha da macrocelulosa que a empresa Altri pretende instalar no corazón da Ulloa. Moitos dos premiados desfilaron polo barco pirata do escenario ataviados con colantes de “Altri NON”, e reservaron verbas das súas intervencións para a protesta. Fíxoo Tito Asorey, de corpo ausente por mor dunha estrea, pero que mandou a mensaxe de rebelarse contra “a verdadeira inimiga do pobo”, o “cancro” da celulosa. Fixérono Gonçalo Guerreiro e María Torres ao recoller o seu premio por Un hotel de primeira sobre o río, invitando a coidar “o rural galego, o rural do mundo, porque non somos cemento, non somos petróleo, somos natureza, somos terra”.

Os premiados e premiadas lembráronse tamén do conflito en Palestina, tal fixo María Roja, co seu premio a Mellor actriz secundaria por Entrega en man, que invitou a exercer a obriga “de preservar, con mimo e profesionalidade, os redutos de humanidade”, “nós, que temos a grandísima fortuna de non ser bombardeadas”. E da reivindicación xeral, á particular. Desta volta, da man das cifras, que, lonxe de resultar frías e asépticas, foron elocuentes do discurso da presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Arantza Villar, que puxo baixo focos os números do teatro en Galicia, dende o 77% da profesión da interpretación do estado, que “ingresa menos de 12.000 euros anuais” , as nove asociacións profesionais que asinaron o protocolo para a prevención do acoso sexual nas artes escénicas, os quince anos dende a sinatura do convenio profesional do gremio —e o que aínda ten pendente de revisión o sector da dobraxe— ou os “304 venres negros que tinguen os calendarios da CRTVG”, que, de novo, non retransmitiu a gala nas súas canles. “Merecemos outra televisión”, concluíu, non sen lembrar a situación en Gaza, tirando de memoria histórica: a dos corenta anos da primeira produción do Centro Dramático Galego no teatro Rosalía, Woyzeck, a “historia dun soldado raso, unha historia de violencia e de opresión militarista”.

Entre as consignas e as chamadas a acción e á reacción houbo, como non, momentos para a emoción. A de Toño Casais ao recoller o premio a Mellor actor secundario por Unha inimiga do pobo, rol que exerceu nun momento vital difícil e polo que aproveitou para agradecer á súa muller “darlle a mellor personaxe da súa vida”, o de pai e marido. Emotivo tamén foi o discurso de Marta Lado, mellor actriz protagonista pola mesma peza, que lembrou os seus primeiros pasos no xénero e manifestou o seu orgullo porque a súa filla “poida ser o que queira ser”. Na noite dos que fan da risa a súa profesión non faltou o humor, como o do veterán Quico Cadaval, que aproveitou o premio ex aequo a Mellor dirección por O auto do Castromil para recoñecer as achegas dos actores do “xénero porco”; aos que hai que lles dar sempre as ordes contrarias ás desexadas. “A miña aspiración é que fagan algo que eu non faría na miña vida”.

A encargada de ler o manifesto galego do Día Mundial do Teatro foi a narradora oral Vero Rilo, que fixo alarde de oficio e empezou a intervención citando a Castelao e rematouna cun “Bailen todos, que diría Luísa Villalta. Agora comeza o verdadeiro espectáculo. Vivan as vidas e que non morra o teatro”. Rilo, que instou á transgresión dende a colectividade nunha profesión que non coñece o eu, senón o nós, e como se recollera a luva guindada por María Barcala, tamén quixo parar o reloxo, porque “cando facemos teatro detemos o tempo e non hai poder maior que o aquí e o agora”.