‘O corno’, con sete premios, e ‘Matria’, con cinco, triunfan nos Mestre Mateo

Jaione Camborda faise con Mellor guión e Mellor dirección

A coruñesa Lucía Veiga, elexida como Mellor comunicadora, e Tamar Novas, como Mellor actor por ‘¡Salta!’

A gran noite do audiovisual galego, celebrada onte por todo o alto no Coliseum da Coruña, tivo como grandes triunfadoras ás longametraxes O corno, de Jaione Camborda, e Matria, de Álvaro Gago, que levaron sete e cinco galardóns respectivamente nos premios Mestre Mateo.

O filmeO Corno de Jaione Camborda foi a obra máis premiada da noite ao facerse cos premios a Mellor dirección de arte (Melania Freire), Mellor maquillaxe e perruquería (Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira); Mellor son (Sérgio Silva e David Machado); Mellor vestiario (Uxía Vaello) e Mellor longametraxe. A directora alzouse cos premios a Mellor dirección e Mellor guión. Pola súa banda, o equipo de Matria recolleu os trofeos a Mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan) e dirección de producción (Nati Juncal) e fixo pleno nas categorías de interpretación nas que era finalista, con recoñecementos para María Vázquez como Mellor interpretación feminina protagonista; Susana Sampedro como Mellor interpretación feminina de reparto e Santi Prego como Mellor interpretación masculina de reparto.

A serie Rapa, votada polas académicas e académicos como Mellor serie de TV, tamén gañou os premios a Mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey, Lucía Iglesias) e Mellor música orixinal (Xavi Font). Pola súa banda, A arte de ser mal pai, da produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo a Mellor serie web. Tamén revalidaron título Tamar Novas e Lucía Veiga. A presentadora e actriz coruñesa subiu ao escenario por segundo ano consecutivo; desta volta, para recoller o premio a Mellor comunicadora polo seu traballo en Malicia Noticias. Novas fíxoo, de novo, como mellor intérprete masculino polo seu papel en ¡Salta!, de Olga Osorio, filmada na Coruña.

Completan o palmarés Alba Prol, Raúl García e Jairo Iglesias na categoría de Mellor Realización, polo seu traballo en O Gran Camiño. Grandes Rutas a Pé do Mundo. No terreo da non ficción. Os espazos en branco impúxose na categoría de Mellor documental; e Cos pés na terra acadou o premio a Mellor programa. Unha das grandes sorpresas da noite foi o recoñecemento, como Mellor videoclip, a Oliveira dos cen anos, de C. Tangana, venceu na súa categoría e Chama a miña neta levou o Mestre Mateo a Mellor anuncio publicitario. A cerimonia de entrega de premios foi presentada por Lidia Veiga e Miguel Canalejo.

O dúo vigués Fillas de Cassandra foi o encargado de poñerlle música ao evento, coa colaboración de Mondra e os peliqueiros de Laza. A nostalxia tivo un gran protagonismo no espectáculo dirixido por Noemi Rodríguez, que comezou cun dos eslógans máis lembrados do Xabarín Club “Hai alguén aí? Si?, Non? Si?”. O mítico presentador Xosé Ramón Gayoso protagonizou un dos momentos máis emotivos da noite, ao entregrlle o Premio de Honra Fernando Rey a Eva Veiga. A gala dos Mestre Mateo reuniu así, 39 anos despois, a dous dos presentadores que formaron parte da primeira emisión da Televisión de Galicia o 25 de xullo de 1985.