Luz Fandiño falece aos 92 anos tras unha vida entregada á poesía e aos movementos sociais
Foi testemuña das realidades máis duras do século XX por ser muller, emigrante e pobre u Dedicou a súa vida á literatura e ao activismo, desde Galicia e a emigración
Alba Prada
Santiago está de loito tras quedarse sen unha das súas poetas e activistas máis queridas. Luz Fandiño falecía onte aos 92 anos tras unha vida entregada á literatura e aos movementos sociais da capital galega. Nada no barrio de Sar en 1931, Fandiño emigrou primeiro a Arxentina e logo a Francia, antes de volver a Santiago a finais da década de 1970, onde se estableceu permanentemente.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladaba a El Correo Gallego, do mesmo grupo que LA OPINIÓN, o pesar pola súa perda: “Desde o Concello de Santiago non podemos máis que lamentar inmensamente o falecemento de Luz Fandiño, unha muller nada no barrio de Sar, reivindicadora sempre desta Compostela onde en tantas loitas participou, comprometida co movemento feminista, e con reivindicar o papel de emigrantes e galegos e galegas ao longo de todo o planeta. É unha persoa que sempre estaba disposta a entregar toda a súa enerxía a favor das causas xustas”, sinalou a alcaldesa, quen sempre solicitou como portavoz do grupo municipal do BNG, poñer o nome de Luz Fandiño á praza Ponte do Sar.
Sanmartín lembrou asemade que se fixo un filme sobre ela, e que foi recoñecida dende a Deputación da Coruña. Quixo recalcar ademais o seu poder de atracción entre as xeracións máis novas “por esa fortaleza e capacidade para empatizar cos colectivos máis vulnerables e desfavorecidos. Queda a súa obra, a súa persoa, a súa forza para sempre con nós. Realizaremos en Santiago un merecido recoñecemento a súa figura despois deste pasamento, que é unha nova moi triste para a cidade”.
Pola súa parte, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, tamén tiña unhas palabras para honrar o compromiso social da poeta e activista: “Foi unha persoa moi innovadora na poesía porque foi unha influencia procedente de poesías doutras latitudes e culturas. Ao mesmo tempo, coa súa implicación social, como dinamizadora cultural, foi das primeiras poetas galegas que levou a poesía á rúa. Non se limitou só a ser escritora e a cultivar a poesía como xénero literio, senón que fixo dela unha ferramenta social”, loou.
‘A poeta analfabeta’
No ano 2020, a directora e guionista Sonia Méndez realizaba unha película documental sobre Luz Fandiño chamada A poeta analfabeta, un filme que como a guionista e directora explica, tiña por obxectivo preservar a súa memoria. “Cheguei a Luz a través da miña compañeira da produtora Cósmica Producións, Nati Juncal. Chegou un día á miña casa e díxome que estaría ben facerlle un documental a Luz, unha persoa á que ela coñecía dende había anos. Empecei a investigar un pouco e sorpendeume. Ao día seguinte, Luz tiña un recital en Santiago porque presentaba un dos seus libros de poemas. Acudín ao acto e xa dende o primeiro momento tiven claro que había que facer un documental sobre ela”, sentenciou.
Sonia foi descubríndoa e coñecendo as distintas facetas da súa vida conforme avanzaba o filme. “Achegueime a súa casa, coñecina, falei con ela, vin como era a súa vida para facer un retrato documental de Luz”, contou. “A súa vida foi tan fascinante como o foi ela”, sentenciou Sonia. “Con este documental quixen facerlle xustiza. Hai tantos personaxes esquecidos na infrahistoria pero que son tan importantes... e ela pertence a ese grupo”, reflexionou Méndez.
A raíz deste traballo fixéronse amigas. O que máis lle fascinou dela foron os seus principios. “Era unha punky. Era inamovible no que respecta aos seus ideais. A pesar de todas as miserias que pasou, chegou ata esta idade con esa enerxía tan adolescente e con esas gañas de loitar e dicirnos a todos que o pobo podía vencer”, sinalou. “Tamén me fascinaba a forma na que lograba congregar arredor dela a toda a xuventude. De feito, no recital que sae no documental vese claramente que o target era xente moi nova”, explicou.
Sonia Méndez revelou que ten unha sensación agridoce porque por un lado, está triste pola súa perda, pero por outro, contenta porque “imos celebrala, e celebrala sempre”. “Ela non tiña medo a morte, só ao sufrimento, e foise tranquila. Dicía que cando se fose, quería que fixésemos unha festa, así que celebrarémola”.
Pesar doutros escritores
Luz Fandiño deixa un recordo imborrable entre os seus compañeiros de profesión. O escritor e exdirector do Xelmírez I, Manuel Portas, coñeceu a Luz recén chegada de Francia, na casa dun amigo común. “Tiven o pracer de gozar da súa conversa cando aínda non comezara ela a exteriorizar a poesía que levaba dentro”, conta. “A poesía de Luz é a poesía popular, a poesía que nace sen necesidade de regras nin de excesivas formalidades culturais. É poesía en estado puro, unha poesía que en moitos puntos recorda á que Rosalía de Castro escribiu en Cantares Gallegos imitando á poesía popular”.
Outros escritores que quixeron dedicarlle unhas palabras a Fandiño foron a santiguesa Iolanda Aldrei, que indicou a este xornal que ela foi “a rebeldía consciente, a poeta íntegra e integral que confrontou todas as inhumanidades”, dixo. O escritor e activista ferrolán Ramiro Vidal Alvarinho sinalou dela que “a voz do pobo e das mulleres vibraba en cada golpe da súa voz”. “Era unha muller solidaria en toda a pureza do concepto, sen sectarismos e por enriba das siglas”.
A escritora e psicóloga galega Concha Rousia, que vive en Santiago, dixo ao respecto do seu pasamento: “Vaise a nosa guerreira sen igual. Vaise, pero a pesar de todo, non se pode despedir o que forma parte do noso propio corazón”.
Luz e Lupe
Luz Fandiño, autora de libros como Farangulliña de neve e O pracer de envellecer, foi protagonista dun libro da escritora Lupe Gómez, encargada de dar o pregón na Feira do Libro santiaguesa. Baixo o título de Luz e Lupe cóntase a xeito de diario a vida de dúas mulleres de distintas xeracións, con distintas motivacións e que teñen en común, entre outras cousas, a súa vida compostelá.
Luz Fandiño destacou en todas as súas facetas: como poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 92 anos ela era unha auténtica testemuña das realidades máis duras do século XX, por ser muller, por ser emigrante e por ser pobre.
Esta tarde, ás 19.00 horas, farase un pequeno acto de despedida no Tanatorio de Bosaica. Ademais o vindeiro domingo, 5 de maio, ás 17.00 horas, organizarase unha cerimonia para celebrar a súa vida no Auditorio do Museo do Pobo Galego.
- La propuesta del Deportivo al Ayuntamiento para Riazor: canon anual de hasta 400.000 euros y uso extradeportivo del estadio
- El superalimento para reducir barriga con el doble de vitamina C que la naranja (y más sano)
- Los perros también podrán ir a la playa este verano en A Coruña
- El adiós de los Mozos de Arousa en 'Reacción en Cadena': "Mucha gente dejará de verlo
- El Tribunal Superior rechaza que Arteixo indemnice con 1,7 millones a empresas de bus por dejar que Tranvías pare en Meicende
- Kiko Rivera celebra el ascenso del Dépor
- Adiós a los cajones: el armario convertible de Ikea para habitaciones pequeñas o buhardillas
- Inés Rey acusa a la propietaria del Deportivo, Abanca, de “chantajear”: “El deportivismo merecía tener una celebración”