O programa de Luar da Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá este venres, como é habitual, unha completa e variada selección musical, na que destaca o grupo Camela, que continúa na brecha despois de 25 anos de estrada e dos primeiros postos nas listas de vendas e popularidade de España. Impulsores da tecno-rumba nos 90, a parella composta por Dionisio Martín e María de los Ángeles Muñoz interpretará grandes éxitos como No pongas riendas al corazón e Mañana nacerá otro día.

Tamén está convidada esta noite a veterana banda de rock de Cangas do Mozarro Astarot, fundada hai 35 anos, que non dubidará en amosarlles aos espectadores que seguen sendo a lenda viva do rock galego.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Patricia Fernández Santana recibirá a visita da cantante galega Ana Angueira, da orquestra Pontevedra e da banda madrileña de pop-rock Atacados, que presentan o seu novo sinxelo, Nadie como tú, un tema cargado de enerxía e diversión.

No capítulo da música popular galega, o programa contará coa presenza da Escola de Gaitas de Ortigueira, a primeira banda de gaitas creada en Galicia e precursora das formacións modernas, da agrupación Tras O Eo do Centro Cultural A Ponte Vella, e de Son do Sil, formación que xermola na Tuna do Barco e enriquecida con achegas vocais e musicais da comarca de Valdeorras. Finalmente, no tempo de Recantos, será a quenda de Velusa, procedente de Portugal norte, e de Dolores Tasende, representante da comarca Terras da Coruña.

'Zigzag'

O espazo Zigzag contará este venres coa presenza do cineasta Guillermo de Oliveira, director da longametraxe documental Sad Hill Unhearthed, que narra os esforzos dun grupo de fans por recuperar o emblemático decorado do cemiterio de Burgos en que transcorren os minutos finais da película El bueno, el feo y el malo, un proxecto que volve poñer diante das cámaras a Clint Eastwood, protagonista deste clásico do cine.

O programa cultural da TVG 2 tamén falará hoxe coa actriz cordobesa Macarena Gómez, que recibiu o Premio Curtas 2018 no Festival Internacional de Cine e Banda Deseñada de Vilagarcía.