24 de mayo de 2020
24.05.2020
La Opinión de A Coruña

Segredos do mar da Costa da Morte

A TVG emite hoxe o sétimo episodio do programa 'Embarcados', que ten como protagonistas aos catro irmáns Villar, do buque de Laxe 'Segunda María Isabel'

24.05.2020 | 00:37

No barco Segunda María Isabel, de Laxe traballan catro homes, catro irmáns, os Villar. Abordo da embarcación contan, no sétimo episodio do programa Embarcados, a súa vida no mar. Fanno desde dentro, desde o seu lugar de traballo, e tamén desde terra, acompañados por X. H. Rivadulla Corcón. A TVG emitirá este capítulo hoxe, ás once da mañá.

En Embarcados son os propios mariñeiros quen falan das diferentes artes de pesca e de como é o seu día a día para poder saír adiante nunha profesión que moitos herdaron de xeración en xeración.

"Saímos ao mar no Segunda María Isabel, barco de Laxe que traballa a arte das betas. Estamos nunha costa onde o mar se manifesta con máis bravura que noutros puntos costeiros de Galicia, é a Costa da Morte, e isto sen dúbida condiciona o traballo dos mariñeiros, e tamén as súa vidas", contan en Producións Celta, a produtora á que a TVG lle fixo o encargo de facer realidade esta serie na que se revelan os segredos do mar da costa galega.

Os catro irmáns Villar constitúen "a sociedade pesqueira con máis anos de Laxe". Son a xeración actual dunha familia mariñeira dende tempos moi antigos. O seu é un barco de madeira que traballa a arte da beta, similar á volanta. Unha arte de enmalle que queda fondeada polos dous estremos do aparello no leito mariño. Neste sétimo capítulo de Embarcados, os mariñeiros e o equipo de gravación achéganse ás Illas Sisargas.

Raúl Villar é o máis novo dos irmáns e ao que lle quedan aínda máis anos de mar. "É un home que sen dúbida representa perfectamente o ser dos homes de mar de Laxe. Ten claro que súa vida non podería ser outra que o mar. El mesmo di que sendo os seus avós, o pai, tío e irmáns mariñeiros, a el non lle pasaba pola cabeza outra cousa que non ser mariñeiro", segundo explican en Producións Celta.

Manolo Villar é o patrón da embarcación, e é tamén o patrón maior de Laxe, "un home cabal que coñece como pouco os segredos deste mar ás veces tenebroso". A Manolo quédalle pouco para a xubilación, e por iso trata de gozar deste traballo, porque é "onde el sente que pode dominar a súa vida".

"Rosendo Villar é mar en toda a extensión da palabra, mariñeiro de berce". Xa podería estar xubilado pero aguanta porque di que non sabería estar sen saír ao mar. E tamén por non deixar sós a Raúl e a Manolo. Di que se retirará cando o faga Manolo que tamén será o momento de retirarse Juan. Está preocupado polo que fará Raúl ao quedar só, e di que el lle vai axudar en todo o que poida. Rosendo ademais de traballar no barco é o que se encarga de xestionar a venda do peixe na lonxa.

O maior é Juan Villar, que é o mariñeiro en activo con máis anos de Laxe, o home que máis horas ten de mar nesta vila, e pode que en toda A Costa da Morte. Igual que Rosendo podería estar xubilado. Foi, co seu pai, mestro dos seus irmáns no mar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook