Unha quincena de alumnos procedentes de países como Italia, Bosnia, República Checa, Cuba, Reino Unido ou Croacia darán vida aos corredores da facultade de Filoloxía da Coruña durante as próximas catro semanas ao tempo que se familiarizan coa cultura, as xentes e a terra galega.

A terceira edición do curso de Lingua e Cultura Galega para estranxeiros compaxinará as horas lectivas nas aulas con seminarios, actividades complementarias e viaxes culturais con destinos como Santiago de Compostela ou A Costa da Morte co obxectivo de mesturar o coñecemento básico do galego cun xeito de radiografía "de como somos e como vivimos os galegos", apuntou a directora de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

"Cando paseedes pola cidade igual vos parece que o galego non existe nas rúas, pero non é certo; non vos deixedes levar por primeiras impresións, porque nos barrios segue vivo", asegurou Sanmartín aos que se converterán en embaixadores da lingua unha vez volten aos seus lugares de orixe.