Os ciumes, o desamor, a traizón, o alcohol, as cancións de Laura Pausini e as risas son algúns dos elementos fundamentais do mediometraxe musical Io ti ailoviu (ammore ossoleto), protagonizado polos alumnos do departamento de italiano da Escola Oficial de Idiomas, que se estreará esta tarde ás 20.00 horas no salón de actos do centro.

A responsable da producción é a profesora Ángeles Huerta -que para as súas aventuras audiovisuais utiliza o alcume de Angeles Coppola-, directora e instigadora principal da peza. A mediometraxe é deudora dos musicais don anos 50 e está interpretada integramente en italiano. Ademais dos estudantes, cantan e bailan docentes da escola.

"Hai dous cursos, dentro das actividades complementarias, fixemos unha parodia de O Padriño -recorda Huerta-, na que participou o departamento de chinés, porque os chineses eran os malos da historia e o estreamos con subtítulos en galego, como imos facer con este filme. O ano pasado, como suprimiron estas actividades, non fixemos nada, pero este curso decidín retomalo pola miña conta".

O resultado é unha divertida comedia romántica na que un rapaz, tras un desliz coa mellor amiga da súa moza, tenta recuperar o corazón da súa amada: "Iso provoca situacións moi divertidas; ela vai a clase de árabe na escola, e él apúntase para estar preto dela, e metemos guiños a outras películas, como O diario de Bridget Jones e Airbag. Os alumnos aprenden moito, acadan máis nun ano que con tres anos de exercicios de gramática".

Ademais do factor didáctico, este exercicio cinematográfico contén unha clara aposta polo multilingüismo. "Formo parte do equipo de Normalización Lingüistica da Escola de Idiomas -explica a profesora- e esta actividade está vinculada cun concurso de curtametraxes que convoca a asociación, e cun curso de iniciación na realización de curtas que se vai ofrecer no centro co apopio do Concello. Todo está dentro da mesma filosofía de facer actividades de imaxe na docencia, e ademais fai que xente teña noción de pertenza á escola".