"Imos reivindicar o noso gran teatro das ruínas". O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Antonio Durán Morris, daba a benvida aos asistentes aos premios María Casares no teatro Rosalía cun adianto do que sería a gala: a defensa da cultura galega frente aos recortes da Xunta e ás consecuencias da crise económica. A obra Citizen total, do Grupo Chévere, acadou cinco galardóns -ao mellor espectáculo, á mellor dirección, á mellor actriz protagonista e á secundaria e á mellor música orixinal- e convertiuse na triunfadora da noite, frente aos tres premios de Oeste Solitario, de Producción Teatráis Excéntricas, e aos dous da Ópera dos tres reás, do Centro Dramático Galego.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, tamén rexeitou que a crise produza consecuencias na cultura galega. As administracións públicas -citou ao Estado e á Xunta- "están obrigadas a protexer e dotar de recursos aos teatros nacionais como están obrigados a manter un sistema nacional de educación". Segundo o escritor, a cultura e, dentro dela, o teatro, "non pode estar sometida á lóxica dos recortes".

Algúns dos premiados tamén quixeron deixar clara a súa postura sobre a situación que vive o teatro galego e sinalar á Xunta como principal responsable. A actriz Mónica García, que participa na obra Citizen Total, lembrou unhas verbas de Lino Braxe: "Nós levamos tres mil anos no teatro, eles acaban de chegar". Tamén o gañador do premio ao mellor actor polo espectáculo Oeste Solitario, Evaristo Calvo, recordou que a cultura do país "existiu dende antes de que existira o partido que goberna aquí e en España".

O premio de honra Marisa Soto foi para a santiaguesa Sala Nasa, pechada o ano pasado e que, destacou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, "tivo a finalidade de acoller todo tipo de manifestacións artísticas e culturais". O director do Colectivo Chévere, que xestionaba a sala, Xesús Ron, calificou de "éxito colectivo" os 20 anos que estivo aberto o recinto e asegurou ter "forzas" para outros proxectos.

A gala, a cargo da compañía Obras Públicas, que fixo rir sen descanso aos asistentes, tamén tivo un momento para os falecidos do sector, aínda que eran mortos por mor da economía e non da saúde. Nunha pantalla mostráronse os nomes do teatro Colón coruñés ou do Festiclown ou da propia Consellería de Cultura como tal, xa que agora é tamén de Educación.