"Funciona como unha especie de mensaxe nunha botella porque o emisor e o receptor non se coñecen e existe ese misterio e esa sorpresa de coñecer o contido", explica o estudante de Arquitectura da Universidade da Coruña Camilo Blanco, creador do Muíño da Lingua co que a institución pretende fomentar o uso do galego no campus de A Zapateira.

A praza situada entre a Facultade de Ciencias e as escolas de Arquitectura e Aparelladores acolle unha roda con oito caixas numeradas que xa forma parte do mobiliario urbano e onde tanto os membros da comunidade universitaria como os veciños poderán intercambiar libros, discos, ligazóns de internet e anotar no caderno de suxestións calquera idea relacionada coa lingua galega.

O muíño xa está cheo con elementos como o Plan de Normalización Lingüística da institución académica, contos, libros de poemas, marcapáxinas e chapas. Agora deberán ser os estudantes os que deben "manter viva" esta iniciativa compartindo os seus materiais, destaca a responsable do servizo de Normalización Lingüística da UDC, Goretti Sanmartín. Coa financiación deste departamento foi posible levar a cabo a idea do de Camilo Blanco que resultou gañadora do premio Luisa Villalta a iniciativas normalizadoras de 2010. Para o creador deste lugar de intercambio de contidos en galego o obxectivo principal da estructura pasa por "recuperar un espazo físico" de comunicación nun momento no que "todo se move pola Rede". Neste aspecto coincide Sanmartín, quen apunta que desta forma o muíño serve tamén como símbolo para identificar é coñecer a labor do servizo de Normalización.

Á espera dos resultados desta proba no entorno da Facultade de Ciencias desde a UDC non descartan implantar novos muíños noutros campus como o de Elviña ou o de Ferrol.

A elección deste primeiro emprazamento en A Zapateira -explica Sanmartín- obedece ao "escaso" uso do galego nas facultades que imparten titulacións de ciencias. O secretario xeral da organización académica, Carlos Amoedo, indicou que os docentes apenas imparten un 10% das materias en lingua galega, mentres que na investigación tamén se emprega de xeito "desigual" debido a que "os famosos rankings universitarios adoitan menospreciar a ciencia que se publica en linguas minoritarias".

As redes sociais tamén terán un papel activo neste proxecto porque a través de Facebook ou Twitter os usuarios poderán informar que materiais deixan no muíño e en que caixa ou comentar que elementos atoparon e levaron. "O ideal sería que todo aquel que collese algo deixase outra cousa a cambio", afirma Sanmartín.