Preto de 4.000 mozos de 23 centros de ensino Primario e Secundario da Coruña e os concellos dos arredores encheron onte as rúas da cidade para reivindicar o uso e aprendizaxe do galego nunha nova edición do Correlingua. Chegados desde Cambre, A Laracha, Malpica ou Vimianzo, a marea de mozos realizou o traxecto entre a Torre de Hércules e os xardíns de Méndez Núñez ao ritmo das pandeiretas e dalgunha gaita solitaria.

Baixo a mirada curiosa e confusa dalgún veciño que creu estar ante unha manifestación contra os recortes no ensino, os alumnos marcharon a paso rápido pola rúa da Torre e a rúa Real lucindo pancartas nas que se podía ler o lema desta edición: Galego, chave do mundo. Alejandro, del IES Terra de Soneira de Vimianzo, ten claro o por que deste eslogan. "Sabendo galego temos moita máis facilidade para falar cun portugués ou un brasileiro que outra persoa que non o saiba. Non o podemos perder", explica.

Canda el, outros alumnos portaban chaves xigantes coas cores da bandeira galega, dispostas a abrir as portas de países como Portugal, Brasil, Angola ou Mozambique. Unha metáfora gráfica para explicar ao mundo que o galego non remata en Pedrafita. Que cruza océanos facendo que un simple quérote moito se diga do mesmo xeito en Carballo, en Río de Janeiro ou en Luanda.

A marcha foi tamén un retrato vivo da realidade sociolingüística do país. Entre os ritmos das pandeiretas e as gaitas, o castelán predominaba entre os rapaces dos centros de ensino da cidade, mentres o galego saía con naturalidade da boca dos estudantes de vilas como Vimianzo, A Laracha ou Malpica.

Xa na chegada a Méndez Núñez a marea de mozos foi recibida polo actor Pepe Penabade, que desde o palco interpretou o papel do afiador Rodesindo da Barrosa, personaxe sacada dunha obra teatral do director Xosé Henrique Rivadulla Corcón. Non tardou en aparecer o que nas últimas semanas está a ser o home de moda na Coruña e reclamo desta presente edición do Correlingua: o adestrador do Deportivo, Fernando Vázquez. A súa presenza no evento non foi casual. Na historia recente do clube branquiazul, el foi dos poucos que se lanzou a empregar a lingua de Galicia con naturalidade nas súas comparecencias públicas e antes os medios, rachando coa tendencia habitual dun fútbol galego pero que fala en castelán. Xa llo recordou Pepe Penabade desde o palco. "Hai que animar a Fernando a que siga falando e promocionando a nosa lingua nun mundo como o do fútbol no que é practicamente inexistente".

Despedido polos alumnos cos clásicos berros de "pódese, pódese", o adestrador de Castrofeito non tardou en ser rodeado por un tumulto de rapaces, ansiosos por sacar unha foto para a posteridade ca cabeza pesante á que lle encomendaron a salvación deste Deportivo en horas baixas.

Baixo a atenta mirada do colosal Curros Enríquez dos xardíns, o espectáculo continuaba alegrando a mañá aos asistentes. Logo da actuación de Pepe Penabade, tocoulle o seu turno ao grupo rock de Noia Monoulious, que fixeron bailar aos máis cativos, mentres os maiores, máis distendidos, desfrutaban do sol neste día sen aulas ou se dispersaban pola rúa Real ou o centro comercial próximo.

Ao final, un grupo de alumnas do IES David Buján, de Cambre, puxeron a guinda ao acto coa lectura do manifesto Correlingua deste ano. "O galego é unha lingua con historia. O galego é unha lingua honorable. É unha lingua con pasado, con memoria. Con prestixio e con tradición formidable", remataron.