Galicia celebrou onte o Día do Cooperativismo Galego. Co gallo da conmemoración, LA OPINIÓN organiza un debate sobre esta fórmula empresarial. O director xeral da Consellería de Traballo, Odilo Martiñá; o presidente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), José Montes; e unha das tres integrantes da cooperativa Luscofusco, que puxo en marcha este ano unha escola infantil en Teo (Santiago) que este ano recibiu o premio ao mellor proxecto cooperativo de Galicia, destacan que estas unións empresariais teñen unha implicación directa coa sociedade, ao tempo que suliñan que resisten mellor a crise porque os socios son traballadores e propietarios.

O. Martiñá: Desde a Administración pensamos que a fórmula da cooperativa está a resistir moito mellor a crise ca outras fórmulas empresariais. Desde o ano 2009 o número de cooperativas que se están a crear anualmente aumenta. É certo que son empresas e que compiten no mercado e hai cooperativas ás que, por desgraza, tamén lles afecta a crise e desaparecen, pero o saldo é positivo. O que observamos é que resisten máis que outras fórmulas empresariais. Hai que ter en conta que o que priman son as persoas e que os propietarios da empresa son os traballadores. Polo tanto, ese esforzo a maiores que en situacións de crise se require cando ti es o propietario e o traballador é máis doado asumilo. Facendo sacrificios é moito máis doado que nunha empresa tradicional.

J. Montes: Cando falamos de cooperativismo falamos dunha implicación directa non só cos socios, senón coa sociedade na que convivimos. Isto é fundamental. Conseguir ese apoio da sociedade é vital para calquera cooperativa. Isto é un aspecto importante, é a forza que ten o cooperativismo de cara a fóra. Hoxe en día estase a potenciar moito como un papel integrador e o cooperativismo lévao no sangue, non se pode entender sen integración. Creo que é o aspecto máis positivo da cooperativa. De feito, quen máis está xerando emprego son as cooperativas de segundo grao, é dicir, cando se unen varias cooperativas e se integran. Unha pequena cooperativa esmorece, esváese se non busca o apoio intercoperativo.

L. Reyes: Nós aínda estamos a aterrar e poñemos en marcha a nosa andaina. Para nós a opción era a cooperativa porque é a que máis encaixa cos nosos valores. Partimos da base de que estamos a traballar tres persoas xuntas e todas temos os mesmos dereitos, as mesmas obrigas, remamos coa mesma intensidade e na mesma dirección. Iso pode ser o que nos faga máis fortes. Os valores do cooperativismo implican moito máis a persoa que está traballando.Para nós non había outra opción.

O. Martiñá: As persoas que queiran formar unha cooperativa o primeiro que teñen que ter claro é a fórmula empresarial porque é unha fórmula que ten vantaxes, pero tamén ten as súas dificultades. Moitas veces en Galicia non estamos afeitos a cooperar e a traballar cóbado con cóbado con outras persoas de igual a igual, e iso é importante. Desde a Administración cremos que é importante a posta en marcha da idea empresarial, os primeiros pasos, o que se refire a facer un plan de viabilidade, ver a que se vai dedicar, cal é o mercado potencial que ten, os elementos de competencia que se vai encontrar. Nese sentido, desde a Consellería de Traballo puxemos en marcha o ano pasado a Rede Eusumo, que é unha rede con puntos de atención, de asesoramento para a posta en marcha de iniciativas empresariais de ámbito cooperativo. Desde a Xunta hai en marcha diversos programas de apoio, sobre todo para o inicio da actividade, para incorporar a socios traballadores, para a incorcorporación de empregos novos na cooperativa, pero parecíanos que faltaba unha pata importante, que era o paso previo, que é todo ese labor de emprender, de iniciar. A Rede Eusumo, da Consellería de Traballo, proporciona esa fase primeira de asesoramento. Creo que é importante ter a idea clara porque os socios van ser propietarios e traballadores ao mesmo nivel.

J. Montes: É certo que a cooperativa é unha empresa e como tal ten que competir no mercado. Houbo tempos nos que a cooperativa era máis xenerosa, cunha virtude máis ampla de acollida, de integración. Eran esas colaboracións espontáneas nas que a xente se unía para unha serie de tarefas comúns. Non se medía o tempo, a cantidade nin nada. Cada un ía a aquilo que os kibutzs israelís, dicían: traballo conto podo e teño o que necesito. Ese espírito hoxe é moi difícil de manter. Hoxe falamos de empresas cun obxectivo social. Iso hai que telo moi claro, unha cooperativa non é só unha entidade que vai producir, senón que vai producir tratando que cada socio mellore nas súas condicións de vida e en formación, en ser doutra forma de ser. É difícil de concibir, hai que ter unha visión de cooperativa moi clara. Unha cooperativa non pode pecharse sobre si mesma porque normalmente fracasa.

L. Reyes: Cando se redactan os estatutos faise en conxunto, todas as voces teñen cabida. De feito, nós temos que estar as tres de acordo. Non vale un dous contra un. Estamos todos ao mesmo, o obxectivo é que a cooperativa vaia para diante. Non é algo competitivo nin é un traballo en equipo, vai máis alá diso. Procuramos cada vez que temos que encargar algún traballo que as empresas sexan cooperativas.

J. Montes: O que formula é totalmente idealizar a cooperativa. Non é doado poñerse todos de acordo. Hoxe a lei de cooperativas considera un voto ponderado.

O. Martiñá: O feito de que a persoa ou persoas se sintan implicadas no proxecto ao cen por cen, no sentido de que a cooperativa forma un todo e as persoas que están nesa cooperativa o que queren é traballar cooperando cos demais. Nese sentido á hora de ter que facer maiores esforzos de cara a que esa empresa sobreviva é máis doado facelos, o cal non quere dicir que non custe. É máis sinxelo chegar a acordos en época de crise porque a ninguén lle gusta que lle recorten o soldo aínda que sexa el mesmo quen poña ese axuste. Nas cooperativas o feito de que o obxectivo é a continuidade da cooperativa fai máis doado iso. As cooperativas teñen esa función social, pero compiten tamén no mercado e, polo tanto, a crise tamén lles afecta. Resístena mellor, pero non quere dicir que non a sufran.

J. Montes: Historicamente, dentro do rural, había moita predisposición a colaborar. Logo veu unha época na que foi xurdindo unha economía distinta e a xente empezouse a individualizar e fixeronsr verdadeiros disparates. Sempre se di que se empezaron a facer investimentos enormes en maquinaria. Hai un parque ocioso de maquinaria no rural incrible, de millóns e millóns de euros. Isto foi un erro tremendo. Hoxe temos que competir tan xustamente, está todo tan medido, que non se soporta. Hoxe deuse unha volta a iso e hai cooperativas de maquinaria compartida porque é imposible facelo doutra forma. Hoxe en día non quedan outras alternativas para facer fronte aos mercados, que son moi competitivos. Isto é o que estamos a impulsar dentro do cooperativismo galego.

O. Martiñá: Estamos todos de acordo, as cooperativas teñen como base esa cooperación interna, pero tamén é importante o carácter externo da cooperativa. Dende a Administración estamos a desenvolver diversos programas, xa non de axuda á creación de cooperativas, senón de axuda ás cooperativas existentes en distintos ámbitos. Un deles é Intercooperar, a través do que se intenta buscar sinerxías entre distintas cooperativas de forma que unhas se apoien noutras e que cada vez se fagan máis fortes. O que tratamos é poñer en relación cooperativas e ir creando grupo. As cooperativas compiten no mercado laboral e, polo tanto, teñen que estar ao día e seren o máis fortes posible. Outro dos temas importantes é a I+D+i. As cooperativas non están exentas desa necesidade de innovar. Outro aspecto é a internacionalización. Hoxe en día non nos podemos ver só no mercado interno. Temos que buscar no mercado externo que é o que nos pode dar un abano máis amplo para poder traballar. Desde a Administración propuxémonos non só establecer os programas para a creación de cooperativas, senón ir máis alá porque nos parece fundamental.

L. Reyes: As cooperativas competimos, pero a miña opinión é que a competición é no mercado laboral. Dentro da cooperativa non hai competición. Non hai unha competición interna, estamos todos no mesmo.

J. Montes: Somos empresas de economía social, tamén temos que nos dar a valer, estamos a achegar moito á sociedade. A economía social pasa antes por ser economía persoal de cada un dos socios. No sector agrario as cooperativas somos 30.000 socios consumidores. Se nós consumísemos seriamos un mercado fabuloso.

O. Martiñá: A función social das cooperativas é básica, sobre todo no medio rural. Unha empresa que se monta no medio rural se ten que facer unha regulación de emprego e ten que pechar, pecha e xa está. Unha cooperativa é máis difícil porque está moito máis implicada no medio no que está. Probablemente os socios, ou polo menos unha maior parte, son da zona, polo que van facer o imposible para manterse. Hai unha interrelación que é moi importante. En Galicia hai sobre 90.000 socios de cooperativas. Practicamente unha de cada dez familias ten algo que ver cunha cooperativa. Desde 2009 hai entre cincuenta e sesenta cooperativas que se crean en Galicia anualmente con entre 500 e 800 socios. E, ademais, ese número crece cada ano. Non se mantén estable. En 2013 xa levamos constituídas 35 cooperativas novas.

L. Reyes: O que procuran as cooperativas é erradicar esa individualización de que cada un mire polo seu embigo. Así non funciona, así non imos saír da crise. Na cooperativa as tres socias estamos ao mesmo nivel.

O. Martiñá: Desde a Administración pública estamos totalmente decididos con este apoio ás cooperativas e á economía social. Non só cos apoios económicos, senón dende o inicio. Parécenos fundamental a súa función social, a intercooperación, a importancia que ten a democratización do traballo. Temos claro que apostamos firmemente por este tipo de empresas.

J. Montes: Dou fe de que a Xunta ten moi claro isto e estao a facer. Xa era hora.