Primeiro pensaron que non habían atopar material suficiente para faceren un libro enteiro, que non había biografías de mulleres que cambiasen a historia das artes e das ciencias, mais, o traballo final dos profesores da facultade de Ciencias da Educación non foi tanto o de rebuscar no pasado como o de peneirar as vivencias máis interesantes para os lectores.

O proxecto As mulleres nas artes e nas ciencias: Reflexións e Testemuñas, coordinado polas profesoras María Dorinda Mato Vázquez e Rocío Chao Fernández e polo vicedecano de Ciencias da Educación, Roberto Suárez Brandariz, naceu para honrar a esas mulleres que conseguiron meterse nun mundo que era, esencialmente, de homes, pero tamén a aquelas que, por mor das circunstancias nas que viviron non puideron desenvolver todo o seu potencial.

"Algunhas viviron á sombra dos seus homes, aínda que elas tiñan tamén capacidade para ser grandes profesionais", explica o vicedecano da facultade de Ciencias da Educación.

Ao final foron cincocentas as mulleres escollidas por este equipo de profesores. Medio millar de mulleres que se dedicaron á ciencia e ás artes e que cambiaron o mundo coas súas achegas. "Haberá, seguro, quen bote en falta a algunha xente, pero, ao final, decidimos facer o libro con estas cincocentas mulleres", comenta Roberto Suárez. Cada unha destas vidas é analizada por outro profesional, que fala delas e que achega a súa visión sobre as mulleres analizadas.

Hai nomes que aparecen automaticamente nas mentes dos que pensan nos cambios da historia en feminino, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro, Marie Curie... Para Suárez, son mulleres cun carácter tan marcado e tan adiantadas ao seu tempo que son singulares, aínda cando o seu recoñecemento podería ter sido maior se o mundo no que vivisen fose outro, no que a figura da muller nas artes e na ciencia estivese máis normalizado.

Hai un espazo no que, logo de ter analizado a vida de máis de medio millar de mulleres, Suárez cre que sempre foi un pouco máis libre que o resto, o das matemáticas.

Este proxecto complétase cunha exposición -previa á presentación do libro, onte na facultade de Ciencias da Educación- e coa edición doutro libro que, en principio, ía saír antes que o de reflexións e testemuñas, un pouco máis biográfico, pero que o equipo deixa para máis adiante. "A día de hoxe segue a haber máis homes nos consellos de administración das empresas ou catedráticos aínda cando son máis as mulleres que se matriculan na Universidade", explica Suárez, que apunta a que xa se vai borrando a liña que dividía as "carreiras dos homes", as técnicas, das das mulleres. O mundo cambiou grazas a elas, as que, aínda con medo, decidiron loitar para se desenvolver.