-Guanyem en Barcelona, Municipalia en Madrid e Marea Atlántica na Coruña?

-Tamén en Málaga ou Córdoba están a xurdir movementos doutras maneiras. É un proceso que ten que ver coa agonía dun xeito de entender e practicar a política. A Marea é un proceso cidadán que por un lado ten que ver cun diagnóstico local; nun ámbito máis global, é un intento afortunado de mutación do ciclo político. Nese sentido, hai moitos outros que pelexaron históricamente para que a realidade política non fose empobrecedora, con moitos cidadáns críticos que fan que os Guanyem poidan proliferar nos próximos meses. O fartazgo é un feito notorio e determinante na Coruña. Todo isto pode levar a eliminación da política profesional na súa concepción máis vanal.

-Superaron as mil sinaturas e máis de 300 persoas acudiron á presentación. Maniféstase a vontade do cambio?

-Confío totalmente niso. Chegamos a un momento de madurez democrática da sociedade. As consecuencias das feridas abertas da Transición estanse percibindo agora. Hai unha elite alonxada da cidadanía, que se traduce no secuestro dos modelos de democracia representativa; e de aí deriva a connivencia cos modelos económicos. O cidadán sinte que todas as decisións tómanse de costas a eles.

-O resultado das eleccións europeas alentou o nacemento da Marea Atlántica?

-Entendo que é un proceso máis longo. A reacción dos poderes é demonizar a cidadanía, caso da Lei Mordaza, unha mostra do medo que sinten cando as súas prevendas e privilexios corren perigo. O 15-M xurdira coma unha revolta sen as condicións aínda prácticas ou experiencia política necesaria nese momento. Movementos como Podemos ou demais procesos cidadáns escarvan en cousas que xa existían. Hai un desapego xa definitivo cara aos que non practican a horizontalidade nin unha mínima construcción de carácter colectivo.

-Van sete anos do comezo da crise, por que chegan agora estes movementos?

-Hai pequenos chispazos que prenden, pero neste caso vese que é un proceso de evolución. De golpe vese que hai unha serie de alternativas, de discursos máis constructivos e dunha revolta directa de novas xeracións que non viviron outras formas de política. A política atomízase en torno a un par de siglas, nunha alternancia parecida á do século XIX, con leves diferencias sociais e baixo un modelo económico único. As consecuencias están por ver, as eleccións europeas foron un pequeno baremo. Podemos, como Guanyem, son elementos de sensatez política e de recuperar unha serie de valores e xeitos de traballar aos que abdicara a actual democracia.

-Asambleas no 15-M, círculos en Podemos e mareas na Coruña. Serán o principal esforzo para integrar a cidadanía?

-É o fundamental do proceso. Os puntais para abrir os espazos de participación que permitan fertilizar o proceso desembocan nestas mareas: xuntanzas territoriais e temáticas con grupos de traballo activos. Isto permitirá crear unha estructura organizativa mínima, que poida sintonizar cos auténticos desexos da poboación e separarse do modelo que coñecemos, no que o distanciamento da cidadanía é definitivo.

-Que significa o lema de "recuperar A Coruña para o 99%"?

-É crear un imaxinario, outro tipo de discurso. En boa medida é unha metáfora. De darse as condicións, seriamos todos os suxeitos do proceso. Este é o momento da unidade, queremos unha sociedade transversal, plural e ampla.

-BNG, Esquerda Unida, Anova e Compromiso amosaron o seu interese pola iniciativa, mesmo algúns concelleiros e militantes acudiron á presentación da Marea.

-Aínda que hai unha singularidade, a Marea Atlántica non nace coma unha fronte de partidos. Coformámonos como unha agrupación de individuos. Hai uns mínimos organizativos necesarios. Creo que, se estamos en contra dun modelo de cidade, da a impresión de que aqueles cargos políticos que colaboraron en gobernos anteriores dificilmente poden formar parte dun proceso deste tipo.

-Ven posible que as siglas se manteñan distantes a este proceso de converxencia cidadá?

-Ese sería o reto. A partir de aí estaríamos falando de cuestións apaixoantes, como os liderados ou as posibilidades de crear procesos colectivos equilibrados. A idea sería acadar en outono o chamado Foro Social da Marea Atlántica, unha sorte de encontro para impulsar o proceso e abrir a participación. Iso podería dar lugar a unha candidatura municipal. Confiamos en que se reúna a forza e a confianza necesaria.

-Faríase nunha cidade con tradición de maiorías absolutas, ven posible acceder a María Pita?

-Sería o obxectivo final, isto non se fai para ter unha representación anecdótica. Hai que dicilo, o obxectivo é gañar. O que é asombroso é a indiferenza ante como se foi construindo esta cidade, con ese 20% de pobreza infantil, o chabolismo, o mantemento da simboloxía franquista, as vivendas baleiras, os desafiuzamentos, a aposta polo espectáculo e o escaparate en vez da cultura, a trama de corrupción que temos aí ou a carencia de zonas verdes e o cemento. Como cidadáns, temos a obriga de destruir todo iso. Durante anos encargáronse de tutelar a cidadanía, polo que queremos conseguir unha construcción auténticamente colectiva. Esta é unha cidade traicionada. A realidade política actual ten que enfrontarse a todo iso.

-A Coruña vive de costas ao republicanismo e o galeguismo que a identificou antes do franquismo?

-Hai unha Coruña maioritaria silenciada. A cidade, en contra do que se tentou amosar durante todo este tempo, non é un ente morto e prefabricado. É algo vivo de todos nós, a idea da Marea é recuperar e construir. A traición foi subverter a realidade, darlle a volta as cousas e esquecer os valores da progresía e dos valores cívicos e republicanos.