-Por que se fixo bombeiro?

-Eu son un privilexiado, considérome multimillonario porque teño moito máis do que preciso e teño a sorte de traballar no meu hobby. Hai moi pouca xente que poida dicir que vai contenta a traballar todos os días. Se é así, é polo traballo que facemos. Cando foi o do desafiuzamento, algún partido político propúxome para unha medalla. Iso é unha burrada. As medallas dánnolas todos os días as persoas ás que axudamos e que están agradecidas cando lles botamos unha man. E iso non nolo pode quitar ninguén. Hai moitas cousas na nosa profesión que nos enchen.

-Nas manifestacións escóitase moito a consigna "o goberno para os bombeiros", estará nalgunha lista nas próximas eleccións municipais?

-Creo que estamos nun proceso determinante e que vivimos nunha estafa. Creo que todo o sistema está corrupto, desde o poder lexislativo ao xudicial e cómpre facermos cousas novas. Eu creo nunha revolución. Todas as institucións están podres, estou convencido, aínda que pode que non teña razón. É moi difícil cambialo, pero só desde a base, desde a cidadanía, se poden mudar estas cousas. O que está claro é que o que tivemos até o de agora non vale e que hai que cambialo.