-Continuarán a liña da anterior directiva?

-Si, herdamos o traballo dos compañeiros. Diciámolo o outro día na asemblea, a asociación collérase nun estado de case desaparición e, dous anos despois, logramos remontala.

-Xa son máis de 800 socios, poucos entes veciñais haberá cunha porcentaxe de participación tan elevada.

-No barrio haberá unhas 8.000 persoas censadas, e deles hai un 10% de socios. Iso é un cargo de responsabilidade para os que estivemos e os que imos estar. Representamos ao barrio como ningunha outra asociación, e iso é o que máis nos motiva. É un barrio activo, participativo e no que queremos implicar o maior número de xente.

-Ese fora o obxectivo marcado cando Nilo Moreno foi elixido presidente da asociación?

-Unha das primeiras accións que impulsamos na anterior toma de posesión fora a de realizar unha campaña de captación de socios. Tanto veciños como comerciantes. Iso foi o que nos levou a pasar, en pouco tempo, a cantidade de socios que temos agora. Cantos máis haxa integrados nas nosas actividades, participando e opinando, mellor.

-Supón un xeito de entender a política municipal?

-Claro, hai unha serie de problemáticas no barrio que queremos integrar. Unha delas é o corredor de Fragas do Eume e Ribeira Sacra, aí conseguimos que todas as comunidades de propietarios aprobasen a cesión do solo para facer obras de acondicionamento. O traballo da asociación é facer que a xente poida participar nas decisións públicas e xestionar o barrio.

-Como estruturan as actividades da asociación?

-Temos tres polas. Unha sería a organizativa, con festas como o Samaín, o Entroido ou a Carreira Popular de homenaxe a Iván Rocha. A segunda é a reivindicativa, somos un barrio cunha serie de deficiencias en canto a infraestruturas, parques ou o centro de saúde. A terceira rama é a organización interna, na que procuramos que todas as actividades que fagamos sexan compartidas. Implicar á xente para que o traballo sexa de participación común, estender o que se está a facer en casos como as Mareas ou os Círculos. Como asociación de veciños queremos canalizar a participación da xente.

-De feito, a maior porcentaxe de apoio a Podemos na cidade acadouse en Novo Mesoiro.

-A situación golpea en todos lados, Novo Mesoiro non deixa de ser un barrio da Coruña e Coruña parte de Galicia. A cuestión é que todo o mundo participe e traballe co barrio. Outra cousa é que os problemas que temos non se arranxan en Bruxelas ou Madrid, senón aquí en María Pita. Calquera de nós pode ir aos plenos do Concello. Se podemos mudar algo será a través da participación dos veciños.

-A principal reivindicación do barrio segue a ser a construción dun colexio e un instituto?

-Fundamentalmente. No último censo publicado, en xaneiro de 2013, hai 1.000 nenos menores de cinco anos censados no barrio. Nuns anos terán que ir a un colexio e un instituto. Temos menos de dez anos para que as administracións correspondentes constrúan os dous centros. Os terreos xa están, a carón da gardería.

-Xa trasladaron esas peticións ás administracións?

-Si, e dentro dese carácter reivindicativo, seguiremos trasladando a Concello, Deputación e Xunta todas as nosas peticións. Hai moitas cuestións a tratar, como os enlaces que nos conectan coa cidade. Ningunha delas ten beirarrúas, o acceso peonil non existe. Non podemos acceder á Coruña andando.

-Séntense illados do resto da cidade polas infraestruturas?

-Se non acordo mal, en 2016 rematarán as obras na terceira rolda, que nos conectará co resto da cidade dunha forma rápida. Con iso non hai ningunha dúbida. Pero nós o que pedimos é que haxa a mesma celeridade na construción das beirarrúas. Todo o tramo que hai dende o Polígono de Pocomaco e o Birloque ata a entrada de Novo Mesoiro está sen beirarrúas. Se un quere ir andando, só pode ir polo barrio. Para ir a calquera outro sitio cómpre coller o coche. É unha forma de illamento que nin sequera é propio do século vinte.