Os alumnos de Arquitectura teñen catro temas entre os que poden elexir o que será o seu proxecto fin de carreira e, entre eles, está o da rehabilitación da antiga prisión provincial. Para achegarlle as necesidades que teñen os veciños do barrio de Monte Alto e para coñeceren os alumnos a situación actual do edificio, a Escola de Arquitectura fixo onte unha presentación do proxecto na que, non participou ningún integrante do Goberno local, aínda cando a entidade universitaria solicitou a súa presenza.

"Eleximos a prisión porque pensamos que, coa situación actual, unha parte moi importante do traballo que farán os que agora son estudantes estará centrado na recuperación de edificios que teñen un valor engadido e que deixaron de prestar servizo ou que están abandonados, como é o caso da cadea de Monte Alto", explica o profesor de Proxectos Arquitectónicos, José Manuel Rosales.

Os estudantes teñen que coller o edificio tal e como está e, sobre o papel, intentar darlle vida, atenderen aos veciños que piden espazos culturais e sociais, e á plataforma Proxecto Cárcere, que fala da rehabilitación urxente do edificio para evitar que se produzan máis desperfectos na súa estrutura.

A escolla da antiga prisión provincial para o proxecto fin de carreira non é obrigatoria para os alumnos que comezan este ano con esta tarefa, pero si para os "quince ou vinte" que asisten a un obradoiro que a Escola de Arquitectura pon ao dispor daqueles estudantes que xa levan un tempo con este traballo pendente e que aínda non o remataron, según explicou onte Rosales.

O presidente da asociación de vecinos Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, Alberte Fernández, apelou á recuperación da memoria histórica para defender a recuperación do edificio e para combater a corrente de opinión que se posiciona en favor de demoler o inmoble e devolver ao barrio ese espazo. Considera que cómpre reformalo para darlle usos sociais e culturais e para que os veciños e as asociacións poidan ter, na antiga prisión provincial, un lugar no que desenvolver as súas actividades.

Para Fernández é "moi importante" que a Universidade deixe na man dos estudantes o proxecto de rehabilitación dun edificio tan emblemático como é a cadea. "No momento actual, o PP aposta por pagar os estudos a empresas privadas cando hai xente preparada aquí que pode facelo", láiase Fernández. A concelleira do BNG, María Xosé Bravo, apostou tamén pola recuperación do edificio e, como esixe a plataforma Proxecto Cárcere, por intervir nel antes de que os seus danos estruturais vaian a máis.

Cómpre esperar até a fin do curso para saber se os alumnos se decantan pola opción de recuperar a prisión para pechar os seus estudos e cales son as súas ideas para volver a darlle valor ao edificio.