O bombeiro Roberto Rivas continúa co seu compromiso contra os desafiuzamentos e o pasado xoves subiu ao tellado -con outros dous activistas- da casa de Álvaro Corral e da súa nai, Isabel, afectados pola construción do ofimático. Tentaban que a casa non fose derrubada. Non o conseguiron. Onte, en Compostela, leu o manifesto das Marchas da Dignidade, en Compostela. A súa intención de voltar a ser anónimo queda adiada.

-Como nace a idea de subiren ao tellado da casa, crían que pararían o derrubamento?

-O noso obxectivo era estar alí o maior tempo posible para que lograse a desafección da casa e para que a familia quedase na súa vivenda.

-Había a posibilidade de que, se se chegaba ao día 1 de decembro, caducase a orde e houbese que reiniciar o proceso.

-Si, ese era o noso obxectivo, pero vivimos na sociedade na que vivimos. Cun apoio masivo da cidadanía posiblemente o lograriamos. Cando me preguntan por que fago isto, penso como é que non hai moitísima máis xente facendo o mesmo. Os afectados polas preferentes, a xente que está no paro... Cando estabamos alí no tellado, mirabamos para o campus universitario e dicía eu: 'onde están os universitarios? Onde está a mocidade, que é o noso futuro e que, historicamente, sempre encabezou as reivindicacións?'. Pero non apareceron, eramos minoría e iso debilita a loita.

-Era case imposible chegar até a casa polo dispositivo policial.

-Si, evidentemente. Eu penso que foi un desproporcionado. Eles sempre levan as de gañar, porque canta máis resistencia haxa, máis medios van poñer, tanto materiais como humanos. O que temos que seguir facendo é darlle visibilidade a estas accións.

-Son moitos anos de loita para ver como ao final, non se consegue o obxectivo.

-Foron moitas xuntanzas, moita loita e moito esforzo, persoal e colectivo. A enerxía brutal que se está a gastar é proporcional ao dano que se está a facer. É tremendo que todas as vivenzas dunha familia se desvanezan así, por algo tan inxusto como é a pura especulación inmobiliaria nunha cidade na que hai 20.000 pisos baleiros. No canto de potenciar que a cidade volva ter vida avógase pola exclusión social. Que isto estea amparado legalmente é algo que a min aínda non me entra na cabeza. Ten que haber unha lei de dereitos das persoas que estea por enriba de todo isto e penso que, un día, terán que pagar todos o que o están a facer.

-Se ese día chega a casa de Álvaro non estará e quizais ningunha das afectadas polo ofimático.

-É o máis dramático. Que unha familia que aínda está a esperar pola resolución das súas alegacións, por decisións políticas, se quede sen casa e que haxa unha sentenza firme para derrubar parte do edificio Fenosa e que non se lle toque. As familias traballadoras que viven no rural da cidade son as primeiras que levan as de perder.

-Logo do esforzo a casa xa non está, víveo coma unha derrota ou como unha pedra no camiño?

-É unha derrota máis da sociedade. Eu creo que accións coma a de Elviña, aínda que a casa xa non estea, deixan na xente unha mensaxe de que iso non é xusto e de que as cousas teñen que cambiar, xa sexa votando a outros partidos ou facendo máis activismo... Nada ten que ver a xustiza coa legalidade.

-No ofimático segue a haber familias á espera de notificación para abandonaren as súas vivendas, que vai pasar?

-Con esta empatía que teñen os políticos actuais con esta xente, vai a acontecer o mesmo [derrubamento das vivendas] sempre que non se consiga un apoio social masivo.

-A mensaxe que se manda co dispositivo policial parece que é que vai dar igual o que se faga porque hai medios para paralo e sen importar as consecuencias.

-Probablemente esa sexa a súa mensaxe, pero igual están a subestimar o poder do pobo. A loita é a que pode mudar a situación. Os políticos van nunha dirección e nós noutra. Para nós o principal é coidar as persoas.

-Os Bombeiros negáronse a colaborar, como o viviu?

-Para min é un orgullo. Se algo paga a pena despois de todo este tempo de estar aí sinalado e participando en todo isto, é o comportamento dos meus compañeiros. Non puiden ter noticia mellor, que que todos os que estaban de quenda avalasen o que moitos dicimos: que colaborar en desafiuzamentos non é o traballo dos Bombeiros e que non debemos facelo. Eu espero que algún día, algún policía ou algún funcionario dos que si que teñen que facer este traballo intente cambiar a situación. Non sei por que medio, se pola desobediencia ou a obxeción de conciencia ou calquera outro. É moi dramático estar alí. Eu creo que, se os políticos o tivesen que facelo directamente, terían aceptado a iniciativa lexislativa popular no Congreso, porque non quero crer que sexan tan inhumanos. Eu teño a esperanza de que algún día un policía faga unha acción como a que puiden facer eu.

-Fálase de que algúns policías locais colleron días libres para non verse obrigados a asistir a este desaloxo.

-Si, pero tamén se di que outros acudiron voluntariamente. Non sei se é certo. Eu creo que os funcionarios podemos facer moito máis.

-Arrepíntese?

-Non, e volvereino facer. Estarei en todos os desafiuzamentos que haxa na cidade e achegarei o que poida para que non se executen. Aínda que sexa unha utopía e aínda que teñamos diante moitas derrotas porque van gañar moitas veces.

-Neste caso, polo menos, conseguiuse unha vivenda social.

-É unha mostra das administracións sen escrúpulos. Igual lle ofrecen unha vivenda social a quen, ao mellor, non cumpre os requisitos só para chegaren a acordos por detrás. Hai incongruencias como que empezaron a tirar a casa cando aínda estaban a recoller cousas. Está tan deshumanizado... Non poden esperar a que marche para que non sufra esa violencia? Eu quédome coa cara de Álvaro vendo para a pala. Parece un ensañamento. Non hai unha parte humana nesta Administración. E con ilegalidades, coma a de non retirar a uralita.