O grupo coruñés, Chotokoeu, forma parte do Colectivo Vibra que organiza a cuarta edición do festival Vibra Balboa, nunha pequena localidade do Bierzo. Este evento se estenderá dende o xoves, 3 de setembro, até o domingo coa presenza de obradoiros, espectáculos de malabares e música de todo tipo, cunha marcada presencia galega.

O festival Vibra naceu hai catro anos como Vibra Garufa na cidade da Coruña. Logo trasladouse a este espazo no Bierzo, cun formato multicultural, autoxestionado e colabarotivo por parte dos asistentes. Un dos organizadores, Rubén Capelán, explica que descubriron o lugar durante unhas das actuacións de Chotokoeu. "Quedamos pensando que sería interesante organizar algún evento ou festival", relata o membro do grupo. O lugar tiña como atractivo a presencia de pallozas antigas, un castelo medieval e numerosos espazos para os concertos e actividades. Desta forma, o festival conta con seis escenarios: dúas pallozas, dous bares, un antigo muíño e unha praia fluvial.

Balboa atópase moi preto da fronteira con Galicia polo que a presenza da cultura galega é constante. Segundo Capelán, pódese ver esta marca galega nalgúns dos festivais que organiza a localidade, como o magosto ou a noite máxica de San Xoán. Outro aspecto sería a lingua, con algúns residentes da vila sendo galegofalantes. "Galicia non remata no Bierzo", aclara o organizador. Esta marca galega non quita a esencia multicultural deste evento, que reúne bandas de todas as procedencias, como o estilo latino dos chilenos, LaSmala.

O concello colleu a idea con gusto tras numerosos contactos cos organizadores. O obxectivo era "compartir o festival co pobo", máis que instalar un festival na zona, polo que se centraron na colaboración cos bares e axentes da vila. Atoparon as dificultades propias de calquera festival de música na organización, co engadido de ter que desplazarse ata Balboa. O máis fácil foi, pola contra, atopar bandas e grupos interesados en participar no festival. "Moita xente da cultura pídenos vir tocar", explica Capelán.

Chotokoeu aproveita as súas propias viaxes e xiras para coñecer grupos que lles gusta e así comentarlles a existencia da cita. As bandas que participan varían nos seus estilos dende o funk, pasando pola percusión e a música balcánica. "Como colectivo nos gusta todo tipo de música", explica o organizador. Capelán opina que esta combinación podería non funcionar noutro sitio que non sexa Balboa. O entorno desta vila preto da fronteira galego-leonesa, permite a creación de obradoiros e espectáculos moi variados. Un dos puntos fortes, segundo o organizador, son as pallozas. "Sínteste tocando douscentos anos atrás", resume.

O Colectivo Vibra aclara que a finalidade do festival non son os beneficios económicos. Para os organizadores, o obxectivo sería que o público non sexa "pasivo" e se anime a partipar nos obradoiros e diferentes eventos. Os organizadores non semellan estar preocupados polo transporte até o festival, Balboa é unha vila pequena con facilidades de acceso a través da autovía, con tan só un pequeno tramo de carreteira. Os organizadores animan que se utilice o coche compartido, co uso da aplicación virtual BlablaVibra ou redes sociais deste tipo.