Xosé Luis Armesto Reitor da UDC

"En principio, o novo plan de financiamento mellorará o reparto a favor da Coruña"

"A Xunta propón en 2016 un aumento de 7 millóns para as tres universidades e iso é insuficiente" - "Di que o plan está pechado pero aínda non vin ningún papel"

09.09.2015 | 09:02
O reitor, Xosé Luís Armesto.

O reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto, deixará este mes de decembro o seu posto despois de catro anos á frente do equipo de goberno. Aos seus 68 anos abandonará non só a dirección da UDC senón tamén o seu posto como docente, labor á que se vén dedicando desde o ano 1974. "É unha boa idade para comezar unha nova etapa", afirma. No seu despacho da Maestranza, fai balance destes catro anos, de como afectaron as políticas de recortes ao funcionamento da institución e do futuro máis inmediato, marcado polo novo plan de financiamento que aínda están a negociar coa Xunta

-Poderíase presentar a reitor e dirixir a Universidade dous anos máis pero non o fará. Por que?

-Por respecto institucional penso que non o podo facer. Os mandatos e as eleccións son cada catro anos e non tería sentido presentarme para estar só dous. Á normalidade institucional convenlle que haxa un goberno que estea catro anos para que poida desenvolver o seu programa de xestión axeitadamente.

-Que balance fai destes catro anos na Reitoría?

-A título persoal fago un balance marabilloso. Ser rector da cidade na que nacín e na que levo traballando desde o 1974 é unha satisfacción persoal moi grande. Desde o punto de vista do traballo desenvolvido, fun unha persoa máis que pasou pola institución, que fixo o que puido o mellor posible e que procurou que o seu paso pola UDC non danara o funcionamento nin a imaxe da institución.

-Como afectaron os recortes á xestión e ao funcionamento da Universidade?

-Foron anos moi duros por parte da administración central e por parte da Xunta porque os recortes foron brutais. Afectaron non só á parte orzamentaria senón tamén á parte de talento das persoas. A taxa de reposición do 0% e do 10% foi minando a renovación dos cadros de persoal que son fundamentais na Universidade. Nós tivemos que axustar os orzamentos a unhas prioridades e mantivemos o cadro de persoal dentro da legalidade vixente sen facer máis recortes que os imprescindibles, diminuíndo gastos en investimentos e gasto corrente e priorizando o talento e as persoas, que é o máis valioso que ten a institución. Agora fálase na de ir a unha taxa de reposición do 100% pero o que pedimos é que non nos poñan taxa de reposición senón que nos poñan un teito de gasto e nos deixen autonomía para facer a política de persoal que nos sexa máis adecuada.

-Cal é a saúde da actividade investigadora na UDC?

-Cando chegamos en 2011 fixemos unha avaliacion externa dos grupos de investigación e valoráronnos cun notable. É unha boa situación pero aínda temos moito percorrido por diante e moito por mellorar. O problema é que estamos nunha conxuntura económica mala porque o Estado e a comunidade autónoma reduciron drásticamente as achegas para os grupos de investigación e tivemos que reorientarnos a proxectos europeos, onde a competitividade é moito máis grande e onde a taxa de éxito é máis baixa. Nestes dous últimos anos incrementamos máis dun 200% as solicitudes de proxectos europeos e a nosa taxa da éxito está entre o 15 e o 20%. Estamos na media das universidades europeas pero hai moito que mellorar.

-No concreto, como afectou a falta de financiamento público á investigación na Universidade?

-Cando se frea o financiamento de certo tipo de proxectos despois é difícil retomalos. A maior implicación negativa que tivo foi non poder contratar ás persoas que formamos, á canteira de universidade que son os que gañan unha praza de profesor axudante. Nos temos uns compromisos de estabilidade e de promoción mediante a cualificación, de modo que se un axudante remata no seu prazo razoable de tempo, que son catro anos, a súa tese de doutoramento e se acredita como axudante doutor por unha axencia de acreditación externa, nós comprometemonos a sacar unha praza a concurso para que se poda presentar e pasalo a contratado doutor. Esa política viuse dificultada. Tamén tivemos a experiencia de que algúns investigadores dos programas Ramón y Cajal e Parga Pondal abandonaron a universidade porque tiveron outras ofertas doutros países que non puideron rexeitar, porque económicamente e científicamente eran moito máis atractivas do que nós lles podemos ofrecer.

-Hai contabilizados cantos investigadores perdeu a UDC por falta de fondos públicos estes anos?

-Non temos datos. Na UDC non temos moita capacidade de captar investigadores de fóra porque o que lles podemos ofrecer tampouco é moi atractivo neste mundo tan competitivo.

-Vaise manter fondo de axuda para o pago das matrículas dos estudantes este curso?

-Si. Non se vai aumentar a cuantía porque estamos vendo que os fondos que temos son suficientes. Estamos a falar dun fondo de entre 15.000 e 25.000 euros anuais. É unha convocatoria que temos aberta todo o ano e se hai solicitudes que cumpren os requisitos reconduciremos fondos para aí e non se deixarán nunca a ninguén sen atender. Isto naceu pola situación tremenda de estudantes que deixaron de estudar por non poder pagar un prazo de matrícula de 150 euros.

-Cen prazas na futura residencia universitaria de Calvo Sotelo son suficientes?

-Hai que ver como evoluciona a demanda. En Ferrol levamos dous cursos cunha oferta de arredor de 28 prazas. Hai máis demanda que oferta aínda que onde temos máis problema é cos estudantes Erasmus, aos que se cadra lles deixamos un cupo insuficiente. Aquí na Coruña estimamos que con estas 100 primeiras prazas pode ser suficiente. A solución é conxuntural para os próximos dez anos, tal e como se acordou coa Deputación, así que iremos vendo cal é a demanda.

-Levan meses conversando coa Xunta sobre novo plan de financiamento para os próximos cinco anos. Cales están a ser os termos das negociacións?

-O plan de financiamento vai ter, igual que o dos últimos anos, unha parte para financiamento estructural e unha parte para resultados. Cando remate este novo plan en 2020 terase un 60% de financiamento estructural e un 40% de resultados. O avance que considero positivo é que o fondo estructural, que antes se movía polos criterios históricos, que eran pouco transparentes tal e como recoñeceu a propia Consellería de Educación, agora vaise rexir por criterios obxectivos dun módulo estándar e dun custe estándar. É un avance importantísimo. O que non é tan positivo é o pequeno incremento que pon a Xunta sobre a mesa para o financiamento total do Sistema Universitario Galego. O conselleiro fala dun 17% para o 2020 e non para o 2016. E, ademais, ese 17% ten unhas partes que non é incremento real de financiamento, xa que inclúe o aumento do 1% do salario de funcionarios ou a recuperación do 25% da paga extra eliminada en 2012. Isto non é financiamento para universidade, son dereitos salariais dos traballadores. O que pon a Consellería para 2016 son 7 millóns de euros para todo o sistema universitario galego.

-É insuficiente?

-Sete millóns de euros dun total de 350 millóns non son moito. Aí penso que se podería facer un esforzo maior se a recuperación económica é tal e como din desde o Goberno. Despois aínda queda por perfilar a parte do financiamento por resultados. Nós queremos que os indicadores que se aproben agora non sexan moi diferentes dos que nos puxo a Xunta hai catro anos. Non poden fixar uns indicadores hai catro anos para que nos adaptemos a eses criterios e que agora dean bandazos e sexan diferentes.

-Con ese novo marco, os fondos da Xunta poderán cubrir o financiamento estructural da Universidade?

-Se todo vai como sabemos, o plan parece que mellorará o financiamento estructural da UDC.

-No último plan houbo discrepancias entre UDC e Xunta que os levaron aos tribunais. Estase blindando o novo plan para que non haxa discrepancias na interpretación sobre o reparto de fondos?

-Iso llo dicía ao conselleiro de Educación o outro día. El dixo que o plan está pechado pero eu discrepo porque non vin todavía ningún papel escrito, nin parcial nin definitivo. Teñen que quedar as cousas moi claras para que a interpretación non dependa de que haxa unhas persoas ou outras. Por tanto, mentres non vexamos todo escrito, moi detallado, moi falado e moi pactado non podemos dicir que isto estea xa acordado. E debe ser así para que non volver vivir o que nos pasou estes anos.

-En xuño decidiron paralizar os gastos correntes nas facultades. Foi unha medida necesaria ou empregouse como mecanismo de presión?

- Foi unha medida de responsabilidade institucional. Nós, ante un problema de liquidez que viña motivado por esa interpretación do plan de financiamento, optamos por limitar o gasto corrente para poder pagar aos proveedores e ilos poñendo ao día. Agora que falamos coa Xunta e entende a situación, temos un compromiso verbal de que nos van dar liquidez a conta do financiamento do ano que vén, que será na parte estructural presumiblemente mellor para a UDC, o que nos permitirá pechar o ano sen débeda.

-En que fase se atopa o proceso de reestruturación da estructura da Universidade?

-En calquera institución, unha reestruturación deste tipo é complicada. Demos un paso inicial, despois constituímos unha comisión e agora está recompilada a información de como se fixeron procesos similares noutras universidades españolas e europeas para que todos os membros da comisión conten con ela e poidan analizala. Poremos sobre a mesa varias propostas para ver cal é a mellor e tomar unha decisión.

-Non foi precipitada a proposta inicial que puxo sobre a mesa o seu equipo de goberno?

-Realmente, nós nunca fixemos esa proposta. Nós propuxemos que ou se facía unha restruturación global moi ambiciosa ou mirabamos algúns centros concretos que, por exemplo, comparten edificio ou teñen unha matrícula moi baixa ou teñen afinidade científica. Cando lles propuxemos en conversas bilaterais esa opción a resposta foi que non había que facelo por partes senón que a restruturación debía ser global. Por iso decidimos botar a andar esta comisión. Na universidade funcionamos así, facemos unha proposta e despois falamos e dialogamos buscando a posición maioritaria.

-Ten xa decidida a data para as eleccións?

-Estimamos que será na primeira quincena de novembro.

-Decidiron xa quen lle sucederá á frente da candidatura de Nova Luce?

-Non. Na Universidade niso somos moi abertos pero ten que haber antes moito diálogo e falar moito con todo o mundo para atopar ás persoas máis indicadas para ter o apoio da comunidade universitaria.

-Os que hai catro anos foron contrincantes estanse a organizar nunha candidatura única. Como ve estes movementos?

-Véxoos moi ben porque é algo clarificador. Eran varios candidatos os que se presentaron a reitor hai catro anos e se nesta convocatoria vai haber só dúas candidaturas quedará claro o panorama e facilitará a elección. Serán dúas opcións claramente diferenciadas.

-Eles acúsanlle de inventar problemas e conflitos ficticios.

-Non creo que fosen problemas ficticios os recortes destes últimos anos en materia de persoal ou financiamento. Ninguén admitiría que nestes últimos anos os recortes nos servizos públicos foron unha ficción. Non o foron nin na sanidade, nin no ensino secundario nin na universidade. Ademais, hai que lembrar que en 2012 o Claustro aprobou por unanimidade a sinatura dun manifesto en defensa da universidade pública porque entendíamos que hai unha espada de Damocles e un perigo sobre todo o que supoñen os servizos públicos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

A entidade apela a un consumo responsable nestas datas e pide planificar as compras e modificar hábitos que permitan unha xestión sostible dos residuos

 

Especial

El Deportivo celebra este mes su 110 aniversario

 

¿Eres un apasionado de las motos y te llevarías la tuya hasta a la cena de Navidad? Comenzamos un nuevo concurso fotográfico, en colaboración con Basic Moto. Envíanos tu foto más divertida
Participa

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine