-Que fai falla para atraer a investigadores de fora ou mantera os que se marchan agora?

-Tes que ofrecerlles estabilidade e iso require financiamento e require que cambien as normas do Estado para que non nos impidan ofertar unha praza a esa xente, unha vez remata os seus anos de contrato e son avaliados positivamente. E iso non o podemos facer pola conxuntura económica.

-Hai quen aposta por un modelo cun maior financiamento privado da Universidade, máis semellante aos dos EEUU. É viable en Galicia?

-Igual o é no futuro pero agora a sociedade galega, española e europea é moi diferente da sociedade anglosaxona. Aquí temos outra cultura que é a cultura dos servizos públicos, gratuítos e universais. A min iso paréceme un modelo moito máis atractivo que o modelo norteamericano, por exemplo. En cambio, no que se refire á investigación e mobilidade de investigadores mediante fichaxes, noutros países é máis común porque a sociedade valora esas fichaxes. Aquí, nas únicas fichaxes nas que destacamos é na de xogadores de fútbol. Se tivesemos outra cultura, pode ser que ese diñeiro se destinase a fichar bos investigadores e non xogadores. É misión nosa explicar á sociedade a importancia do coñecemento e a investigación.