Ao burro de Nieves Fernández chamábanlle Juanito e, durante anos, foi con ela cada domingo da praza de Pontevedra a Feáns cargado de roupa suxa e voltaba os xoves con ela ben lavada e arrecendendo a limpo.

Nieves ten 84 anos, case todos eles mollados no río, lavando roupa para familias como a de Alfonso Molina ou a de Sánchez Mosquera, o pai de Sánchez Salorio. Agora a súa vida forma parte do documental Esquece Monelos, a longametraxe que pretende descubrir a historia que esconde o soterramento do río Monelos.

Lémbrase Nieves de amarrar o burro na praza de Pontevedra e de poñer a roupa limpa na cabeza e de subir facendo equilibrios até a Cidade Vella para poder entregala e cumprir co acordado coas familias relevantes da cidade. O de lavar era case o negocio familiar e é que lavandeira xa fora a súa avoa, era a súa nai e a súa tía, así que, aos oito anos, tamén ela herdou a profesión.

Son sete irmáns e, asegura, que todos coinciden cando falan dos seus pais, de que tiveron sorte de que os mandasen á escola. "Mamá sabía ler un pouquiño e nós fomos sempre á escola", di Nieves, que camiña aínda por Feáns adiante, coa morriña do río nas mans. Cando era pequena era ela a que se encargaba de ler as etiquetas que traía a roupa do colexio dos Maristas, que ían recoller cada luns para lavala.

Ela foi a única que seguiu coa profesión familiar, á irmá maior mandáronna a aprender a coser e a outra, como nacera moi pequeniña, librouse de lavar. Ese era o encargo dela. "Eu era máis forte", recorda Nieves. Na casa vivían, ademais dos sete irmáns, os pais, dúas tías e un criado, que se encargaba das tarefas para que os pequenos puidesen ir á escola.

Lembra que, ao principio, lavaban con cinza e con auga quente, porque non había lixivias nin produtos químicos para facer máis levadeiro o traballo de rascar a roupa contra a pedra e deixala limpa coma acabada de mercar. Despois, co paso do tempo, na casa de Nieves empezaron a mercar lixivia, facíano na botica de Villar e, máis tarde, chegou Pincel, que era "máis barato" que a lixivia e que tamén servía para alixeirar o traballo, aínda que iso si, cando non había outra cousa, lavábase "con sosa".

Nas lembranzas de Nieves, Feáns ten até 24 ríos, que é como lles chamaban antes aos lavadoiros, e moita auga, tanta, que case todas as familias se dedicaban a lavar. "En Mesoiro tamén había lavandeiras, pero ás veces quedaban sen auga e aquí sempre había e viñan lavar aquí. Agora non lles pasa que xa teñen auga da traída", explica con sorna Nieves, sen esquecer que tamén hai lavadoras eléctricas, que deixaron a moitas mulleres sen o seu traballo de toda a vida, pero liberadas da pesada carga de lavar a man.

E para secar? Pois Feáns tiña un toxal enorme no que estendían a roupa logo de fregala nos lavadoiros de pedra. E se chovía, pois "tocaba esperar" para a vindeira semana, porque non se podía loitar contra o tempo. Nieves lavou até os 29 anos, pouco a pouco, na casa fóronse desfacendo das casas que tiñan, todas menos unha, a de Sánchez Salorio. "Portárase moi ben con nós", sentenza Nieves ao recordar que unha vez se lle metera a unha das súas irmáns unha cousa nun ollo e que non lle cobrou por quitarllo. Co tempo, Nieves deixou definitivamente de lavar e comezou a traballar nunha conserveira, corrían os anos cincuenta.

Pero a vida en Feáns era algo máis que auga, iso si, era vida apegada ao río Monelos, porque outra fonte de riqueza do lugar era a verdura. "Vendiamos repolos e non podiamos levar a roupa limpa coa verdura", sorrí ao lembrarse daqueles tempos Nieves Fernández, que foi a protagonista do primeiro día de traballo da rodaxe do documental Esquece Monelos, da directora Ángeles Huerta e coguionizado por Antón Núñez. O equipo rodará parte da película durante este mes de outubro. Comezou co percorrido por Feáns, seguiu na oficina do que fora alcalde da Coruña, José Manuel Liaño Flores, e continuou baixo o chan, facendo un roteiro en busca do río Monelos, que se atopa canalizado.

Unha ponte e unha anguía

Un dos obxectivos deste documental era descubrir onde se ocultaba a ponte de pedra que había no río Monelos e que se soterrou entre o edificio de Novos Ministerios e a rotonda. Pero resulta que non era ningún segredo. Foron os mesmos veciños os que, coñecendo polas reportaxes no xornal o que estaban a gravar, se achegaron ao equipo para dicirlles que eles sabían perfectamente onde quedara soterrado.

"É unha pasada", comenta a directora, Ángeles Huerta, tras os primeiros día de rodaxe, que tamén os levaron polo camiño fluvial baixo Alfonso Molina. "Non vimos auga canalizada, vimos un río", di a cineasta, que describe como se ven os meandros do Monelos, coios típicos do río e até anguilas. Eses mesmos bechos que ían pescar os coruñeses no tramo de San Cristovo, segundo contan os mesmos veciños. E para rematar, o porto, onde puideron gravar a saída do río ao mar, a "auga dentro da auga", a liberación do río esquecido para falar tamén "da liberación da memoria individual que se funde coa colectiva".