As fins de semana de carreiras cos amigos por diversos circuítos da xeografía galega ou de pachangas, xogando ao fútbol na praia de Bastiagueiro, foron espaciándose, dando paso a xornadas nas que Pedro descansaba ou daba breves paseos. Con 35 anos comprobou, moi preocupado, que a lesión de xeonllo avanzara, as dores medraban e só lle permitían andar, era incapaz de correr e, desde logo, de facer calquera deporte. O impedimento tiña que ver coa cartilaxe, material constituído por unhas células, condrocitos, inmersas nunha matriz fibrosa, o elemento que a dota de consistencia para que, entre outras funcións, axude ao movemento das articulacións (os lugares de encontro dos ósos) e realice un papel amortiguador; a do xeonllo de Pedro estaba danada.

Fronte ese desolador panorama a alternativa terapéutica que no hospital público coruñés (Chuac) se lle ofreceu foi o transplante de condrocitos, os elementos vivos formadores da rede de fibras. A técnica, pioneira na cidade, supuxo a extracción dun anaco da cartilaxe do paciente, en bo estado, procedente dunha zona do seu corpo non sometida a carga, o cultivo das células, co crecemento das mesmas, e o implante delas na zona lesionada. Os condrocitos cumpriron co seu papel, xeraron nova cartilaxe e a articulación do xeonllo recuperouse, Pedro aprendeu a correr de novo.

O Inibic, unha organización a prol da investigación

A de Pedro é unha das moitas historias de veciños da área xeográfica coruñesa que deben unha mellora na súa saúde ás investigacións que se desenvolve no Inibic, o Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña. Porque a atención ás doenzas dos pacientes, a asistencia clínica que desenvolve o Chuac, conta cun complemento esencial e menos coñecido, o labor despregado polo Inibic. Unha contribución especial que supera os servizos que ofrece un hospital tradicional, limitados ao terreo asistencial, incorporando outra dimensión, a investigadora, imprescindible para un centro hospitalario moderno.

O Inibic integra os grupos de investigación do Complexo Hospitalario Universitario da cidade, da Universidade da Coruña e da Área de Atención Primaria local do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e ten 500.000 persoas como pacientes potenciais. A súa función é realizar investigación básica, nos laboratorios, e clínica, con pacientes, co fin de poñer a disposición do conxunto da sociedade os avances científicos obtidos no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades.

Ese labor é posible grazas aos grupos de investigación, que neste momento son 23. Equipos multidisciplinares constituídos por diversos especialistas que contan cun coordinador e uns obxectivos de traballo arredor de varios programas, cada un cun investigador principal responsable, e varias liñas de investigación. Eses grupos forman parte dalgunha das seis áreas de investigación e dispoñen duns servizos centrais de apoio á investigación, oito unidades entre as que figuran un biobanco, as plataformas de Xenómica e Proteómica e a unidade de epidemioloxía clínica e bioestatística.

A actividade lévase a cabo en diversas instalacións: o edificio central do Inibic, anexo ao Hospital Teresa Herrera (o Materno Infantil), que pertence ao Chuac, o situado no Hospital de Oza, da Universidade coruñesa, e nos diversos laboratorios e hospitais do Sergas. Unha actividade que é responsabilidade dun consello reitor, do director xeral, José Manuel Rodríguez Vázquez, e do director científico, Francisco J. Blanco.

Á Fundación Profesor Roberto Nóvoa Santos correspóndelle organizar, xestionar e dotar de recursos ao Inibic; é quen asume os contratos dos investigadores, 104 persoas que dedican toda a súa xornada laboral a esa actividade. A ese persoal hai que sumar o traballo investigador a tempo parcial dalgúns médicos do Sergas nos hospitais e centros de atención primaria e o de docentes da Universidade da Coruña, unha contribución que eleva a 372 o número de persoas implicadas. As mulleres forman máis do 60% da plantilla investigadora, porén, como acontece habitualmente, a súa presenza nos postos de responsabilidade non se corresponde con a esa proporción.

O financiamento de proxectos, públicos e privados por partes iguais, supón 4.269.687 euros. A necesidade de recursos económicos que soporten a investigación obriga a atender de xeito especial aos proxectos europeos. Así, no último ano, dinos Francisco Blanco, foron 500.000 os euros captados por ese concepto.

O labor investigador non está exento de desafíos e dificultades. José Manuel Vázquez e Francisco Blanco entenden que nese terreo o principal reto do Inibic é incrementar a participación do persoal médico de hospitais e atención primaria no proceso. Por outra banda, os médicos consultados falan da dificultade de incorporar a investigación a unha densa xornada laboral, da ausencia de compensacións, e da necesidade dunha maior explicación da actividade do Inibic. En todo caso, a investigación e formación de persoal, as dúas actividades básicas da institución, merecerán un tratamento polo miúdo en próximos episodios.

Na ruta dunha nova medicina

Francisco Blanco teno claro: "O camiño do futuro é pasar da medicina do fenotipo á medicina molecular". Unha medicina personalizada que lembra iniciativas como a da Administración Obama, quen hai uns meses presentou o orzamento para ano fiscal 2016 solicitando investimentos públicos por 215 millóns de dólares para a medicina de precisión, que aposta por tratamentos personalizados baseados no estudo xenético e outros factores.

Na nosa contorna o Inibic é unha ferramenta básica nese proceso, o que supón múltiples vías. Por exemplo, busca de biomarcadores xenéticos en xente nova para actuar antes fronte futuras doenzas, pescudas que implican un notable aforro farmacéutico. Ou a salientable participación en iniciativas internacionais como o Proxecto Proteoma Humano, que pretende identificar proteínas e relacionalas con enfermidades. O grupo do Inibic é o único que participa en Galicia e Francisco Blanco actúa como coordinador para España neste proxecto mundial.

A necesidade de divulgar

O coñecemento do Inibic entre o público é escaso. Iso ten que ver con que en xeral ás institucións dedicadas á investigación cústalles asumir a importancia de difundir dun xeito accesible a súa actividade. Unha obriga do sistema científico, co fin de favorecer o coñecemento, mais tamén de acadar o respaldo e lexitimación da sociedade.

De todos os xeitos, a institución deu pasos para darse a coñecer, colabora con diversos centros de divulgación científica e neste momento intervén no proxecto Biomedicina con y para la Sociedad, unha iniciativa do Centro de Investigación Biomédica en Red (Ciber) que inclúe a serie Un minuto de biomedicina, unha colección de curtos audiovisuais nos que interveñen mozos investigadores e nenos entre oito e doce anos. A investigadora do Inibic Joana Silva Magalhães coordina ese labor divulgativo desde a consciencia de que "con respaldo social obterase máis apoio e será máis doado contratar investigadores".

A acreditación, un paso cara a excelencia

O pasado mes de abril o Inibic recibiu unha magnífica e agardada nova, o Instituto de Salud Carlos III concedeulle a acreditación que lle permite durante cinco anos integrarse no grupo de trinta centros acreditados como de excelencia en investigación dentro do Sistema Nacional de Salud. Un recoñecemento da calidade investigadora do centro coruñés, paso decisivo para incrementar os investimentos públicos e privados, xerar empresas e empregos e, o que é máis importante, mellorar a saúde das persoas.

Acadar a acreditación non resultou unha tarefa doada, porén supón un paso decisivo que algún dos implicados, por exemplo Eva Poveda, cualifica como "chegar á primeira división da ciencia". Esta investigadora subliña a oportunidade de optar a contratos como os Juan Rodés, aos que só se poden presentar centros acreditados. Agora, seguindo co símil futbolístico, o importante será manter a categoría.

Unha Torre necesaria

Unha limitación coa que xa se enfronta o Inibic é a falta de espazo. Para solucionar ese problema e avanzar na relevante cuestión da conexión co tecido empresarial xurdiu hai anos un proxecto, a "Torre de investigación", un lugar onde localizar os laboratorios, deixando o actual edificio como centro de formación, lugar para almacén e mantemento. Falamos de quince plantas nas que tamén se situaría un auténtico "viveiro de empresas" de biomedicina, cara establecer unha estreita relación entre elas e o centro de investigación.

No seu momento o custe estimado da proposta era de once millóns de euros (lembremos que o polémico túnel do Parrote e da Mariña saíu por 60). Os fondos europeos foron acadados porén a Xunta non contribuíu coa súa parte e o proxecto ficou niso. Máis alá da discutible ubicación da Torre (nas proximidades do Hospital Teresa Herrera), o certo é que a súa creación supoñería unha inequívoca aposta polo I+D+i, polo futuro.

En todo caso, a ruta do Inibic non pode deterse, necesita avanzar para estar na vangarda da atención á saúde das persoas. E nese proceso cómpre esixir recursos aos organismos públicos e unha maior implicación de posibles mecenas. As fortunas locais deben dar un paso á fronte, incrementando as contribucións que realizan na actualidade ou iniciando o seu compromiso co motor da sáude coruñesa.