Hai uns anos, nunha recepción no fermoso salón nobre do Concello coruñés, asistín á explicación ofrecida por un concelleiro a un grupo de visitantes doutro país sobre feitos relevantes da historia local. Loxicamente, referiuse á Torre de Hércules, da que afirmou, fora reconstruída "por el italiano Giannini".

Ao remate da presentación achegueime ao edil e, utilizando unha fórmula de resonancia cinéfila, díxenlle: "Concelleiro, co debido respecto, Giannini era de Badaxoz". Fíxeno porque me pareceu importante que os futuros visitantes non recibiran unha información incorrecta sobre o principal monumento da cidade. O sorprendido concelleiro, en consonancia co seu estilo aberto e liberal, acolleu ben a corrección.

Lembrei estes días esa anédocta ao repasar unha nova sobre a desaparición dunha inscrición na Torre e cando observei o estado expositivo dos escudos de pedra asociados aos vellos Correos Marítimos. Ambos os dous elementos gardan unha estreita relación con Giannini e o seu estado fálanos dun esquecemento da figura do enxeñeiro e da desidia con que ás veces son tratados algúns elementos básicos da nosa memoria colectiva.

A desaparición dunha inscrición

En 1788 o Consulado Marítimo coruñés, coa axuda do Ministerio de Mariña, abordou a reforma arquitectónica do vello faro romano, a Torre de Hércules. Co asesoramento histórico do ilustrado José Cornide, o encargado de dirixir a obra que transformou a antiga instalación na actual estrutura foi Eustaquio Giannini.

Ao remate da intervenciónGiannini ordenou que se realizara unha inscrición a tinta nun dos piares da rotonda abovedada, baixo os pes da terraza alta que culmina o faro: "Dirixio esta obra el Thte. de Navio e Ingo. Ordinario de Marina Dn. Eustaquio Giannini". E o pasado mes de xullo o profesor da Universidade de Santiago Alfredo Vigo Trasancos denunciou a incrible desaparición dese testemuño histórico.

Días atrás falei con Ana Santorum, actual coordinadora-directora da Torre. Ana explicoume que a comentada inscrición debeu desaparecer polo ano 1992, coincidindo co naufraxio do Mar Exeo nas inmediacións da Torre, o que implicou posteriores labores de limpeza que puideron ser a causa da eliminación do texto de Giannini, ou sexa, que ficara ilexible. As recomendacións do plan director do monumento (de principios de 2012) incluíron a recuperación da inscrición nas seguintes obras de mantemento, que finalmente tiveron lugar en xuño de 2015. Chegado o momento de desenvolver a reparación, non se puido materializar do xeito previsto, pois non se atopou a incisión na pedra que puidera guiar o traballo da restauradora. Por iso, os técnicos municipais decidiron agardar ao informe de restauración co obxecto de buscar unha metodoloxía máis axeitada, e iniciar unha etapa de documentación para establecer a natureza física da inscrición orixinal. Para Ana a opción máis acaída sería a de restaurala no contexto da musealización do espazo Giannini, onde figura a inscrición, quizás por medio dunha proxección.

O enxeñeiro Giannini

Eustaquio Giannini Bentallol (1750-1814) foi fillo de Pedro Giannini Pallavicini, militar e autor de diversos libros de Matemáticas, e de Magdalena Bentallol. En 1762 ingresou no Exército e, entre 1772 e 1775, ampliou estudos na Real Academia de Matemáticas de Barcelona, onde recibiu a máxima cualificación en Matemáticas e Debuxo.

En xuño de 1776 incorporouse ao Corpo de Enxeñeiros da Mariña, asignándolle como destino o Departamento de Ferrol, acadando en 1782 o cargo profesional de enxeñeiro hidráulico extraordinario de Mariña. Esa póla da enxeñería era a responsable das obras nos peiraos, portos, canles, diques e fondeadoiros, mentres que a construción naval e os estaleiros ficaban en mans dos enxeñeiros construtores.

Desenvolveu a profesión no Departamento de Ferrol ata 1804, en que foi destinado a Arxentina. Previamente, ampliou a súa formación matemática na Academia de Gardas Mariñas desa cidade, o núcleo científico máis relevante da Galicia do século XVIII.

Labor na Coruña

A intervención de Giannini como enxeñeiro na cidade da Coruña tivo unha enorme relevancia. Foi responsable das obras de restauración da Torre de Hércules, da inicial colocación do seu fanal (farol grande), da ampliación do porto e doutros servizos complementarios. Esa actividade coincidiu cun período clave na historia da cidade, un momento de economía puxante, estimulada pola apertura en 1764 do porto ao tráfico comercial con América a través dos Correos Marítimos. A isto hai que engadir, a partir de 1785, o establecemento do Real Consulado Marítimo, que xurdiu para apoiar a elaboración de manufacturas destinadas ao mercado americano. Mais A Coruña aínda carecía de peiraos e embarcadoiros, polo que a carga e descarga realizábase en botes que varaban nas praias ou que se achegaban durante a preamar ás portas das murallas. O enxeñeiro Giannini foi o principal encargado de deseñar e executar esa infraestrutura portuaria, prioritaria para o seu desenvolvemento económico, o que poderíamos cualificar como a orixe do histórico porto interior coruñés, dito por contraste co novo, o exterior construído en punta Langosteira.

Os Correos Marítimos

En novembro de 1800 Giannini foi nomeado primeiro axudante dos Correos Marítimos da Coruña, cargo que exerceu ata agosto de 1802. Os Correos creáronse por Real Cédula de 6 de agosto de 1764 e tiñan como fin o transporte regular da correspondencia entre España e América, máis incluían algunhas mercadorías. A cidade contaba co precedente, desde 1689, da comunicación coa cidade inglesa de Falmouth, o que supuña toda a correspondencia oficial e privada entre a monarquía española, as colonias americanas e os reinos de Inglaterra e do norte do continente. Esas conexións fixeron do porto coruñés un dos principais nós postais de Europa e contribuíron de xeito especial no incremento da actividade económica local.

Os buques dos Correos Marítimos saían a principios de cada mes desde A Coruña cara o de La Habana, nunha viaxe que duraba algo máis dun mes. Despois, desde a capital cubana partían barcos que recollían a correspondencia e levaban mercadorías deVeracruz, Tierra Firme e Perú.Un usuario ilustre desta ruta foi Alexander von Humboldt, que partiu o 5 de xuño de 1799 nun dos paquebotes dos Correos, El Pizarro. En 1767 estableceuse unha segunda quenda de paquebotes, con saídas desde A Coruña cada tres meses (desde 1771, cada dous), con destino a Montevideo, nunha viaxe duns tres meses de duración, que incluía a posibilidade de barcos particulares que levaban a correspondencia e as mercadorías cara Bos Aires e as provincias do norte do virreinato do Río de la Plata.

Os escudos dos Correos

As instalacións dos Correos Marítimos contaban con dous peiraos, un estaleiro de reparacións, obradoiros e almacéns na zona da Palloza, nas inmediacións da desembocadura do río de Monelos, supoñendo ata uns 1.000 empregos. Co remate da súa actividade en 1802, co traslado a Ferrol, o almacén xeral de víveres foi usado para o edificio da Fábrica de Tabacos (creada en 1804), que integrou dous escudos de pedra procedentes e identificativos dos Correos (escudos de armas da Armada). Un deles perdeu a coroa no sexenio democrático (1868-1874), pois as cigarreiras daquel tempo non tiñan excesiva simpatía pola monarquía e o outro era visible ata hai poucos anos a carón da Fábrica, na muralla que discurría pola rúa Primavera.

Cos cambios e a actual restauración da Fábrica de Tabacos eses escudos pasaron a seren expostos ao público nas proximidades do edificio. Un deles, o descoroado, fica agachado á vista da xente, tapado pola valla que rodea as paredes da vella fábrica. O segundo aparece detrás dun posto de Bicicoruña, sobre un soporte metálico, cuberto cun cristal agretado e sen ningún tipo de indicación que explique a singular natureza e valor do obxecto.

Esquecemento e conciencia cívica

A secuencia do Giannini transformado en italiano, coa súa inscrición na Torre desaparecida e os escudos dos Correos Marítimos expostos como auténticos ovnis, fálanos de esquecemento e falta de respecto á súa figura e a todo un período decisivo na historia da cidade.

O descoido con elementos básicos do noso patrimonio supón unha chamada de atención para as persoas responsables da súa conservación e difusión. Mais a cuestión ten outra dimensión que me gustaría subliñar, o corpo social, institucións, colectivos e, cada uns de nos, os cidadáns, deberíamos sentirnos afectados e implicados na vixiancia e esixencia dunha preservación digna dos compoñentes dunha parte do legado que nos identifica, que nos debería encher de orgullo e que constitúe tamén un elemento do ben común.