O músico Brais Morán, excompoñente de Loretta Martin, presenta este venres na sala Garufa ás 22.30 horas o disco Cruzando o eclipse, no que compón as cancións, canta e toca a guitarra, xunto con Miguel Queixas, con Denís Morán e con Manu Seoane.

-Cal é a diferencia coa etapa de Loretta Martin?

-Sigo sendo eu, seguen sendo as miñas cancións, pero cambia totalmente o concepto. É un disco de rock onde Loretta Martin era máis funky. Deixamos de lado aquela música de baile, cunhas letras máis surrealistas. Agora as letras están un pouco máis relacionada coa actualidade, falo máis en primeira persoa, as cancións son máis directas e máis acordes co que está pasando. Esta música é máis comprometida e máis actual.

-Elixe o rock porque é mellor para contar este tipo de historias?

-Sempre me gustou o rock, como o funky e o soul. O disco é un pouquiño a mestura de varias etapas da miña vida. Collín cancións que fixen hai anos e que nunca cheguei a tocar con Lorettta Martin, e cancións que se compuxeron para este proxecto, aglutineinas todas para dar un novo son.

-As letras están compostas exclusivamente en galego?

-Si, eu compoño en galego desde sempre. Aínda que teño composto cancións en italiano, en inglés ou en castelán, a miña forma de sentir e pensar é sempre en galego, é onde me sinto máis cómodo.

-A Costa da Morte inflúe moito neste disco?

-Si. Para min A Costa da Morte sempre me evocou á infancia, ao que vivín, e parte da miña familia é de alí. As paisaxes da Costa da Morte foron unha grande fonte de inspiración.

-Neste disco toca exclusivamente a guitarra ou tamén o piano nalgunha canción?

-No disco asumo o papel que tiven sempre, compoño cancións, canto e toco a guitarra. Para o resto tiven a sorte de contar a banda que teño, que é a que lle dá o son completo. Ás veces teño que facer algunha actuación en acústico, eu só coa guitarra, pero para soar como a banda teño que contar con eles.

-Nunha das cancións, En paz

-Recibín unha chamada dunha profesora do colegio de Arteixo cando se sacou o single En Paz, que lle gustara moito á profesora e aos alumnos. Eran rapaces de sete oito anos, moi pequenos, e alucinei porque me recibiron como se fora un ídolo, non mo cría. Montáronme unha sorpresa, cantáronme a canción e tiven o detalle de agradecemento de que a versión do disco de En Paz se abra co coro que cantaron na clase.

-Influíulle moito vir dunha familia de músicos?

-Supoño que vai dentro de min, forma parte da miña educación, do que eu respirei sempre. Axúdate moitísimo a que vaias crecendo con música, con interese por acercarte a coñecer os instrumentos. Iso vai contigo sempre.