-Con que sentimento remata o seu mandato na reitoría?

-Co da satisfacción do deber cumprido porque fixemos o que puidemos. Tamén porque as eleccións á reitoría gañoullas a candidatura de Nova Luce e polo tanto vai haber unha continuidade dun proxecto no que eu durante os últimos catro anos insistín na defensa da universidade pública polo que supón para a igualdade de oportunidades e a mobilidade social ascendente. Cando eu estudei na Universidade de Santiago, a maioría dos estudantes eran dalí porque non tiñan que pagarse a manutención e o aloxamento, e agora na Coruña hai moita xente que pode estudar na universidade porque tampouco ten eses gastos, polo que eu penso que o mellor que lle puido pasar á Coruña e á súa contorna nas últimas décadas foi a creación da Universidade.

-Que logros destacaría destes catro anos?

-En Ferrol conseguimos poñer en marcha unha residencia pública con prezos de 100 euros ao mes, na Coruña chegamos a un acordo coa Deputación para ter 120 prazas na residencia do colexio Calvo Sotelo, tamén en Ferrol fixemos unha spin off coas concesionarias dos comedores e cafeterías para que os titulados de Hostalaría elaboren un proxecto empresarial... sempre se poden facer cousas pequenas pero que van na dirección de defender con feitos que o público é moi eficiente.

-Cal é a realización da que se sente máis orgulloso?

-Do conxunto, porque as cousas son foito dun traballo constante. Agora estase facendo o traslado da Facultade de Ciencias cara ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, onde van poder traballar os investigadores moito mellor. E a Xunta concedéunos unha agrupación estratéxica entre ese centro e o Instituto de Investigación Biomédica para que traballen de forma conxunta. Tamén constituimos hai pouco a Fundación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, onde temos a unha ducia de empresas do sector traballando con investigadores de Informática. Vimos de crear ademais unha unidade mixta de investigación importantísima entre Navantia e a Universidade para renovar o sector naval, todo isto no eido da transferencia de coñecemento cara á empresa, pero a nosa prioridade sempre foi manter o talento, manter o cadro de persoal e aos estudantes con necesidades económicas. En realidade, do que estou máis orgulloso é da defensa do servizo público, que nos levou en 2012 a conseguir que o claustro universitario aprobara unha declaración por unanimidade nese sentido ante as agresións que estabamos sufrindo do Goberno central, porque foron anos moi duros, con recortes e con taxas de reposición do persoal moi baixas e con intromisións na autonomía universitaria. Comparto a opinión do expresidente da Conferencia de Reitores de que estes últimos catro anos foron os peores para a Universidade española dende a Transición.

-Interpreta o triunfo nas eleccións a reitor da candidatura de Nova Luce, o grupo ao que pertence, como un refrendo á súa xestión?

-En parte entendo que si e quen o fixo con maior apoio foron os estudantes pola participación que tiveron.

-Como se explica esa participación dos alumnos tan elevada nas eleccións da Universidade coruñesa dende sempre?

-Historicamente, na Coruña os estudantes participan máis que no resto das universidades españolas e seguramente algo teremos que ver os que temos responsabilidades de goberno, aínda que non toda. Nós mudamos os estatutos cando chegamos para aumentar a participación dos estudantes nos órganos de goberno do 25% ao 28% porque estabamos convencidos disto e agora vemos que esas decisións son correspondidas, ao igual que a defensa da universidade pública. É unha satisfacción tremenda que o sector menos contaminado, o estudantil, demostrou cunha participación de case o 30%, fronte a do 5% noutras universidades, de que se se lle dá a oportunidade si que participa. Iso foi unha satisfacción persoal e de política universitaria tremenda porque vin que temos futuro, xa que a xente máis nova comparte e apoia decididamente os nosos ideais.

-Os problemas económicos do último ano deslocen en parte o seu mandato?

-Non, porque o problema do financiamento non é un problema exclusivo do reitor, senón fundamentalmente do Goberno galego. O plan de financiamento que había era moi malo e eles mesmos tiveron que recoñecelo cando fixeron o novo co financiamento estrutural con outros criterios. Pero o novo plan tampouco vai resolver os problemas financeiros da Universidade da Coruña nin da pública en xeral porque hai un pensamento de ir minando o público con críticas máis ou menos claras para desprestixiar o funcionamiento dos servizos públicos. Pero se non se financian suficientemente é obvio que van funcionar peor e despois iso se critica e forma parte dun proceso ideolóxico que leva á privatización.

-Non é entón optimista sobre o novo plan de financiamento?

-Non, porque non é suficiente e para resolver os problemas vai haber que seguir traballando moitísimo para que se invista moito máis en educación e en investigación. Estamos á cola de Europa e pretender que se poden ter resultados marabillosos como os que nos reclama a sociedade cando os alemáns dedican o dobre que nós só ten dúas explicacións: ou os alemáns son idiotas, o que non creo que en absoluto, ou aquí non temos unha vontade política de investir o suficiente en educación, formación, investigación e desenvolvemento. E temos demostrado que cando se nos dá financiamento somos moi eficientes e facemos as cousas razoablemente ben, como se fixo cun tema trivial como a votación nas eleccións a reitor cun sistema electrónico.

-Pensa que o acordo das tres universidades galegas para a docencia de Medicina é un dos fitos do seu mandato?

-Si porque eu persoalmente levaba doce anos traballando nese tema. Era moi difícil porque a todos nos costa moito traballo cooperar e somos moi pouco xenerosos, xa que cando cremos que algo é noso non o queremos compartir. Santiago cría que Medicina era súa e non podía ser, xa que temos un sistema hospitalario marabilloso e nós queríamos potenciar a investigación de forma que algúns dos investigadores do hospital coruñés pertenceran á Universidade da Coruña e non á de Santiago, o que conseguimos con este acordo. Sería marabilloso ter un título interuniversitario de Medicina, pero non foi posible.

-Cre que está vencida de forma definitiva a resistencia de Santiago ou aínda hai receos?

-Non, pero esas resistencias véncense pola vía dos feitos. Eu dicía que non quería tres facultades de Medicina en Galicia pero non o crían e eu contestaba que mentres eu fose reitor non a habería na Coruña. Hoxe hai 86 estudantes de Medicina no hospital da Coruña, onde fan a súa práctica clínica e non necesitan trasladarse. E no próximo curso conseguiremos que lles poñan unha aulas para que teñan parte teórica. Esas resistencias vanse vencendo pola vía dos feitos ao ver que cumprimos o que pactamos.

-Se puidera volver atrás, tería feito de distinta maneira o proceso para a fusión de centros e departamentos, vista a polémica que xerou?

-Si, como con moitas cousas, porque sempre se aprende. Eu creo que estrutura formal da Universidade da Coruña hai que revisala porque levamos 25 anos e se non te moves acaba levándote a corrente. Críamos que podíamos facer no mandato que remata unha reforma parcial e a resposta que tivemos foi que fose xeral, que era que queriamos nós pero ao que non nos atrevíamos. Creamos unha comisión con presenza dos directores e decanos de todos os centros e tivemos tres seminarios con expertos de outras universidades, pero este proceso posiblemente leve un ano ou máis, como sucedeu noutros lugares, e espero que o novo equipo de goberno siga traballando nesa liña.

-Pero aquí tamén vai haber resistencias, como pasou con Medicina.

-Claro que si. Pero isto é unha carreira de fondo na que hai que ter en conta onde se quere chegar. E se vas acompañado de xente, vas chegar moio máis lonxe que se vas só. A Universidade ten moitas cousas que mellorar, pero ten algo moi importante que agora se está poñendo en cuestión, o seu modelo de gobernabilidade. Na elección do reitor participou toda a comunidade universitaria porque todo o mundo se sente importante e demanda o cumprimento do programa de goberno. E no Consello de Goberno estamos cada mes 70 persoas tomando as decisións, o que é moi importante para unha institución. Cando se fala de profesionalizar a xestión e o goberno da Universidade eu digo que somos capaces de facer as cousas razoablemente ben con esa corresponsabilidade das decisións. Todos os profesores da Universidade crémonos marabillosos, e algúns si que o son, polo que hai que contar con todos eles e cunha estrutura piramidal e xerárquica non sería tan eficiente.

-O proceso de Boloña revolucionou en parte a docencia universitaria. Que balance fai da súa implantación na Coruña?

-A decisión foi estatal e nós aproveitámola para facer dous cambios estruturais que non se valoran o suficiente. Dicíase que non preparabamos ben aos estudantes para chegar ás empresas, polo que en todas as titulacións fixemos obrigatorios créditos de prácticas en empresas para que teñan as aptitudes que nós non somos capaces de proporcionarlles. Tamén fixemos obrigatorio para todos os alumnos un traballo de fin de grao que teñen que defender en público ante un tribunal porque sempre se di que non saben expresarse en público. Pero o gran cambio, no que avanzamos moi pouco, é que os profesores cambiemos a nosa metodoloxía de ensino e que deixemos a clase expositiva para cambiala por un proceso máis participativo, pero iso é moi difícil e nos levará anos.

-Hai resistencias por parte dos profesores a ese novo modelo de ensino?

-Si, e os que temos máis anos resistímonos máis ca xente máis nova, polo que o relevo xeracional axudará a que eses cambios sexan máis eficientes, porque aos que temos máis anos nos custa moito traballo.

-Nos últimos anos houbo moitos pasos na Universidade coruñesa cara a internacionalización da súa actividade. Vai ser un dos retos principais no futuro?

-Si, porque queirámolo ou non estamos nun mundo globalizado. Acabamos de pechar dous acordos con estudantes chineses e vietnamitas que van vir en xaneiro a facer un curso intensivo de español e veremos se en marzo poden incorporarse a algún grao. Os da Unión Europea xa os temos máis regulados co Erasmus, que é marabilloso, pero temos que abrirnos a outros campos distintos.

-Hai interese noutros países por colaborar coa Universidade coruñesa?

-Claro que si. Os profesores dos alumnos vietnamitas estiveron aquí hai quince días e marcharon encantados porque lles gustou moito a cidade e as instalacións da Universidade. Seguimos traballando nas dobres titulacións con universidades estranxeiras, que xa temos co Reino Unido, Alemaña e Francia, e nese camiño temos que seguir. Empezamos a facelo nestes últimos catro anos porque hai oito non nos parecía prioritario, pero agora si o é. Tamén estamos avanzando moito na docencia en inglés, na que temos grupos nesta lingua en catro ou cinco titulacións para os estudantes que veñen de fóra. Tamén funciona moi ben a Escola de Verán, á que veñen estudantes de moitos países cos nosos para facer un curso de verán intensivo en inglés.

-Está satisfeito do papel que xoga a Universidade na sociedade coruñesa neste momento?

-Por cultura, na miña opinión aínda non valoramos o suficiente o que representa unha universidade, que noutros países como Alemaña é tremendo, xa que a sociedade sabe que o seu futuro case depende dela, pero aquí temos moito camiño por andar, aínda que estamos na boa dirección, xa que o alcalde foi estudante e agora profesor da nosa universidade, na Deputación está de vicepresidenta outra profesora e por tanto temos unha situación moito mellor. Pero temos que seguir avanzando moito máis e que se implique moito máis a sociedade. Nestes últimos meses creamos ademais as cátedras de empresa de Traumatoloxía Deportiva co hospital HM Modelo e de Xestión do Risco e o Seguro coa Fundación Inade, e xa tiñamos a de Inditex e as aulas de Repsol e Paideia, pero a Universidade e a sociedade temos que seguir coñecéndonos máis, pero pola vía dos feitos.