O actor compostelán Luis Zahera participa este sábado na gala de monólogos Noites de Retranca con Pepo Suevos e Javier Varela. Ás 20.30 horas no teatro Colón.

-Leva anos co monólogo Chungo

-Si, voume centrar en falar da Coruña, onde pasei moitas temporadas.Xa ía aos sete anos para a cidade, tiña á miña avoa e ás irmás da miña nai, por Pardo Bazán e a praza de Vigo? Falarei un pouco do cine Equitativa e dos alucines que tiña eu na Coruña. Tamén vivín dous anos en Nova York e vou contar algunhas trapalladas diso. A verdade é que son bastante egocéntrico (ri), só falo de min. Non digo máis por non adiantar.

-Ironizará co enfrontamento

-Bueno, un pouquiño! (ri)

-Gústalle facer humor surrealista, fóra de toda lóxica?

-Ese humor gústame, fascíname, pero non o domino. Para iso hai que ter unha cabeza como a de Cándido Pazó, Carlos Blanco, Quico Cadaval, ese tipo de xente. Eu tiro de min, me ridiculizo para que a xente se divirta. Pero esta xente dá un paso máis. Distorsiona a realidade, fanche pensar, falan de Galicia como entidade e non dun individuo, coma min. Eu, sinceramente, non teño esa capacidade.

-Cre que ten un xeito galego de facer humor?

-Supoño que si. Eu tiro do anecdotario. Sempre me gustaron moitísimo as anécdotas, as cousas que suceden. Emprego ese truco, esa trampa, ese método, como lle queiras chamar. Pero supoño que si, que o meu humor é galego. As cousas que contarei de Nova York teñen unha parte de galego en Nova York.

-Xa facía humor en teatro e series, pero, como comezou a realizar monólogos?

-Empecei polo Luar, por Manolo Abad, que colabora cunha organización que xunta fondos para nenos con cancro. Pediume que participara nunha actuación solidaria. Eu tíñalle pánico absoluto ao tema dos monólogos. Despois desfrutas moito, pero preparar un monólogo, saber que te vas enfrontar ti só diante de todos é complicado.

-Xa lle perdeu o medo?

-(Ri). Si, absolutamente. O monólogo é unha cousa rara. Emparanoiaste. Antes da primeira vez non durmín, estaba atacado dos nervios? Pero logo é moi disfrutón.

-Ten unha nova serie cómica para 2016, Buscando el norte

-Si, para Antena 3. Sae da película Perdiendo el Norte, vai da emigración a Alemaña.

-Fai o papel dun timador.

-Si, teño un papel canallesco. Do que fago eu, piltrafas absolutas. Na serie son un pouco canalla, un pai que abandonou á súa filla e volve a Berlín con ela.

-Está cómodo nestes papeis?

-Si, a min gústame o traballo. Si que estou unha miguiña encasillado, pero, como dicía o outro, o problema non é que te encasillen, o problema é traballar.

-Pero seica lle gustaría facer papeis de amor.

-(Ri) Sinceramente si. É unha ilusión que teño aí. Gustaríame facer unha de amor, son un pouco romántico. Pero xa non creo que? Xa entro na cincuentena, xa se me pasou o tempo.

-Leva varios premios por papeis de reparto, pero o ano pasado fixo o seu papel protagonista na película Schimbare

-A min xa me dicía Agustín Magán dicía iso de que non hai papeis pequenos. Home, hai veces que só fas un cameo, pero se tes un papel de reparto no que traballas oito ou nove días, iso ten un recorrido. Gustaríame facer outro protagonista, pero non podemos ser todos protagonistas, e estou moi feliz de ser un secundario que vai traballando. Fago un papel secundario en Luar, estou aí con Gayoso facendo de carteiro desde hai 21 anos. E fago monólogos, que aí es o protagonista!