O arqueólogo e etnógrafo Felipe Senén López imparte mañá ás 20.00 horas, na Academia Galega de Belas Artes (Pintor Álvarez de Sotomayor, 1) a conferencia Orixe e orixinalidade do Entroido en Galicia. A entrada é libre e gratuíta.

-Cales son as primeiras referencias ao Entroido na Coruña?

-Pérdense na prehistoria, na celebración do ritual da primavera, e con incorporacións moi diversas.

-Como foi a época franquista?

-A represión animou a subterfuxios que enriqueceron o Entroido. No Círculo de Artesanos, no Teatro Rosalía e noutras agrupacións facíanse operetas con retranca, como os apropósitos. De aí saíron persoeiros que pasaron á mitoloxía, como Nito ou Canzobre. Poñían en escena guións feitos por académicos e intelectuais, como don Eladio Rodríguez González ou don César Bahamonde. Era un Entroido, entre aspas, controlado. Por outra parte, temos a espontaneidade e creatividade nalgunhas rúas, especialmente as mariñeiras, como a zona de Monte Alto. O enxebre e representativo de aquí son os choqueiros da rúa da Torre, cunha pervivencia rural, galega e mariñeira.

-Por que se concentra o Entroido en Monte Alto, por ese carácter ligado ao mar?

-A tradición do Entroido, agraria e mariñeira, ten unha eclosión moi forte nos barrios con máis ascendencia rural. Agora aparece o batallón mediático dos curiosos, que, a nivel antropolóxico, adulteran a festa. En Monte Alto hai un ambiente tradicional musical, de agrupacións de coros e de danza, e tamén foi unha zona moi de bares. Na zona máis céntrica temos as operetas, que xa mencionei, e que deberan coidarse. Hoxe temos unha figura importante, que seguiu: Antón de Santiago.

-Antes falaba dunha adulteración do Entroido...

-O Entroido, como significa catarse e liberdade, abre moitas portas e ten moitas influencias. Como as macumbas ou as batucas actuais, que, ás veces, traspapelan as vellas tradicións dos folións, das treboadas, dos grupos de bombos. Ás veces o Entroido é un pouco de catálogo. Os Concellos deben de coidar o Entroido. Non con paternalismo, pero ter as infraestruturas preparadas. Se nas campas meten faroliños austrohúngaros, fontes e paneis, ao final non tes onde facer unha festa. E, como pasou con San Xoán, a xente vai ao lugar que queda libre, á praia. Antes A Coruña tiña moitas campos: o de Marte, o Campo da Estrada, o Campo da Leña? Pero se se converten en zonas de especulación e aparcadoiros, a xente non ten onde facer un punto de encontro para as romarías. Tamén hai que medir ben que tipos de grupos e orquestras se traen.

-Que se podería facer na cidade da Coruña para recuperar as tradicións do Entroido?

-Incentivar as asociacións culturais, e deixalas participar. Que abunden os premios económicos na festa. Dignificar vestidos e traxes antigos. Poñer os escenarios para os grupos que fan os apropósitos e darlles facilidades para estar varios días representando. No Entroido houbo momentos de gloria importantes, nos que se recuperaron máscaras, tradicións, cantares. Hoxe unha hai invasión de batucadas e outras historias. Na cultura galega hai un sincretismo co mundo foráneo, pero hai que, saber ata onde podes chegar.

-Cal é a función do Entroido?

-O Entroido é unha especie de terapia para saber o estado da cultura popular dun pobo: o anímico e o creativo. Non hai mellor medicina para os tempos que vivimos que a catarse colectiva do Entroido, medindo ata onde chega a liberdade. Porque tamén está a agresividade, que é un mal no noso tempo ao que se lle dá renda solta no Entroido.

-Non houbo sempre un elemento de violencia no Entroido?

-Deuse sempre, pero no Entroido galego? A cultura galega é unha de encrucillada, de carrefour, de feiras e romarías, de portos e de moitísima tolerancia. Acusáronnos de endogámicos, pero iso é un tópico e unha eterna mentira. Somos un país viaxeiro que fai sincretismo con todo. No traxe popular están os panos de Cachemira, no xardín galego están as camelias e os magnolios. Pero hoxe educa ou maleduca é a cuestión mediática, internáutica, e ás veces destruímos o noso.

-Na historia, en que épocas houbo unha efervescencia do Entroido na Coruña?

-Cada época deixou constancia, posto que polas obras coñécese a ética e a estética das persoas. No Entroido, e, sobre todo, no coruñés, ábrense os baúis e sácase o de épocas anteriores. Temos visto uniformes das guerras napoleónicas, medallas da División Azul, dos exércitos republicanos da Guerra Civil, mantos traídos de Inglaterra e mantóns de Manila? Saen a relucir moitísimas cousas que se van incorporando a unha tradición prehistórica. Aí está unha cultura portuaria que se abre e recibe como é A Coruña. O que perdemos foron os lugares de expresión e os escenarios, como os campos e os teatrillos.