A CORUÑA EMPRENDE

'A Coruña Emprende' inclúe esta edición un proxecto de miniempresas

Alumnos de catro centros educativos traballan nas súas propostas de empresas

05.02.2016 | 00:51
Docentes de centros de A Coruña e formadores de ´A Coruña Emprende´, no CIFP Paseo das Pontes. j. roller

Alumnos dos centros CIFP Paseo das Pontes da Coruña, o IES de Viós de Abegondo, o IES Universidade Laboral de Culleredo e o IES Isaac Díaz Pardo de Sada participan no programa de miniempresas de A Coruña Emprende 2, unha das principais novidades da segunda edición do programa coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Das propostas presentadas, os catro centros anteriores foron seleccionados o pasado novembro para traballar nos seus proxectos de miniempresas nas que participarán alumnado de distintos niveis educativos abordando varias temáticas.

O programa despegou precisamente en novembro coa actividade de formación celebrada no viveiro de empresas do CIFP Paseo das Pontes da Coruña, e esta mesma semana celebrouse no mesmo lugar unha segunda reunión entre os profesores dos centros seleccionados e os formadores de A Coruña Emprende 2 para evaluar os progresos realizados nestes dous meses en cada proxecto. Os asistentes ao encontro tamén puxeron en común o material que os docentes reciben semanalmente desde outubro a través dunha aplicación que lles serve de guía á hora de orientar aos seus alumnos para sacar adiante a súa proposta de miniempresa.

O obxectivo desta actividade é orientar, guiar e asesorar a este profesorado no desenvolvemento do programa de miniempresas e continuará de forma online ao longo deste curso. Coa iniciativa de proxectos de miniempresas, no marco de A Coruña Emprende 2, os organizadores buscan fomentar de forma activa a creación de empresas simuladas pero o máis próximas á realidade posible nos centros educativos. Impulsar as metodoloxías vinculadas coa educación emprendedora, potenciar as competencias persoais e profesionais do alumnado, interconectar o sistema educativo co entorno e valorar a figura das persoas emprendedoras son outros dos obxectivos polos que xurdiu esta nova actividade.

Despois da selección dos proxectos o pasado novembro e da formación do profesorado entre novembro e decembro, desde xaneiro ata o vindeiro maio os alumnos terán de prazo para desenvolver as súas propostas e en xuño deberán presentar os resultados do seu traballo nestes meses.

Ademais dos proxectos de miniempresas como novidade, A Coruña Emprende 2 inclúe actividades de sensibilización ao alumnado como reunións con empresarios e visitas a empresas e xornadas de formación relacionadas coa motivación, a creatividade, a comunicación, as presentacións de impacto, como emprender con éxito, o marketing online, o modelo de negocio, as patentes e marcas ou a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no emprendemento. Con este programa pretendese dar formación a escolares coruñeses sobre a importancia de emprender e as claves para formar a súa propia empresa, aparte de fomentar o espírito emprendedor entre os mozos para mellorar a súa inserción laboral unha vez que rematen a súa formación académica.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine