O CIFP Paseo das Pontes foi un dos catro centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana seleccionados para formar parte do proxecto miniempresas de A Coruña Emprende 2, unha das novidades da segunda edición do programa coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Ademais deste centro tamén traballan nesta iniciativa, que busca fomentar a creación de empresas simuladas nas aulas, o IES de Viós de Abegondo, o IES Universidade Laboral de Culleredo e o IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

No caso do CIFP Paseo das Pontes, 24 estudantes do ciclo de grado medio de Cociña e Gastronomía traballan coa axuda de 16 alumnas do módulo de grado superior de Patronaxe e Moda en Dircomida, o seu proxecto de miniempresa baseado na venda de comida.

A coordinadora deste traballo no CIFP Paseo das Pontes, Noa González, anuncia que a última semana de febreiro será a carta de presentación dos menús que prepararán os alumnos do módulo de Cociña e que venderán aos seus compañeiros e profesores. Desde donuts e croissants ao almorzo a productos máis delicatessen e algo máis caros como pastas máis elaboradas e bombóns, ademais de minipizzas, empanadas e bocadillos. Son os pratos estrela de Dircomida, cuios prezos os integrantes do proxectos aínda están calculando para sacar beneficios que se destinarán a fins didácticos.

Os participantes neste proxecto de miniempresa xa falaron tamén cunha exalumna que grazas o viveiro de empresas do CIFP Paseo das Pontes puido abrir unha consultoría de alimentación e traballa nunha empresa real, a diferenza da dos alumnos que será simulada aínda que próxima á realidade. A ela recurriron para que se encargue do etiquetado e da declaración de alérxenos.

Os participantes en Dircomida contan tamén coa axuda das alumnas do ciclo de Patronaxe e Moda do centro -explica González- ás que subcontrataron toda a parte relacionada co merchandising. As estudantes traballan no deseño do logo da empresa e marcapáxinas, da entidade corporativa e encarganse da rodaxe dun anuncio publicitario sobre o proxecto. Namentras, os alumnos do módulo de Cociña e Restauración ademais de deseñar a preelaboración dos platos e o menú da empresa antes de poñerse mans á obra no día da degustación, teñen que sacar tempo para tarefas administrativas como a fixación de prezos ou a redacción de contratos de traballo simulados dos supostos empregados de Dircomida.

Ademais dos proxectos de miniempresas, A Coruña Emprende 2 inclúe actividades de sensibilización ao alumnado como reunións con empresarios e visitas a empresas e xornadas formativas para fomentar o espírito emprendedor entre os estudantes.