-Cal era a importancia do Porto da Coruña no final do antigo Réxime?

-Foi máis importante do que se poida pensar. O obxectivo da investigación foi estudiar a correspondencia da oficina do Banco de San Carlos na Coruña. Na década de 1760 permitiuse a creación de catro buques correo para comerciar coas Indias desde a cidade. Neles, embarcábanse cartas e unha pequena cantidade de mercadorías que, ao ser vendidas, traían de volta ouro e prata. Estes beneficios que chegaban á Coruña eran transferidos ao banco que, a cambio, emitía as letras de cambio. Ese negocio tivo auxe desde que se crea no 1785. A primeira etapa do negocio comeza en 1783, cando o factor, que é como un comerciante sen oficina, comeza a buscar accionistas. Unha das cousas que descubre a investigación é que dous ou tres anos despois se creou na Coruña unha oficina completa, con seis ou sete traballadores. En Cádiz había outra grande, pero A Coruña tivo unha das estructuras máis importantes da península.

-Onde se situaba esta delegación na cidade?

-A ubicación a descoñezo. Agora o que fixen foi revisar case 2.500 correspondencias do Banco de San Carlos pero é unha investigación todavía en curso. Agardo que en 2017 poida ter cousas máis asentadas.

-Cal era a función destas letras de cambio?

-Na época eran como unha transferencia de diñeiro. Unha persoa ía con 300 reais, por exemplo, e o banco emitía unha letra, dándolle a esta persoa o dereito a cobrar esta cantidade en Madrid ou noutras cidades (despois abríronse oficinas en Londres ou Hamburgo). O que se lle compraba ao banco era o dereito a percibir esa cantidade de diñeiro noutro lugar.

-Por que xorde a delegación na Coruña e non noutro porto?

-Créase aquí para aproveitar o ouro e a prata procedente de América latina a través destes barcos correo que chegaban.

-Nesta época a referencia portuaria adoitaba ser Cádiz. A Coruña estaba á súa altura?

-É unha comparación difícil de establecer porque este estudo é o primeiro dunha oficina do Banco de España completa. En fluxos totais de ouro e prata, Cadiz é moi superior pero A Coruña tivo a súa importancia e non foi tan secundario como puidera pensarse.

-Cal é a relación entre a actividade desta oficina do Banco de San Carlos e o posterior desenvolvemento da Coruña como centro financeiro?

-Nesta altura xa había aquí grandes financeiros como Cabarrús ou Barrié, que xa tiñan as súas propias casas de banca. O que se establece aquí é a relación entre as primeiras casas de banca e o primeiro banco vinculado ao Estado. A creación desta primeira oficina crea o escenario de comezos do século XIX, é dicir, os fluxos de relación que se establecen entre as firmas de banca comerciais e o que será o futuro Banco de España.

-Esta delegación de banca tiña o clásico funcionamento de entidade onde se deixan os aforros privados?

-Non, iso é un banco de depósitos e este funcionou máis ben como banco de transferencias. O que facían eles era mover os cartos. O que acontece é que a letra de cambio en si mesma é como un crédito porque no tempo que pasa entre que un deixa o diñeiro na Coruña e o cobra, o título podía revenderse ou usarse para pagar. Creábase o espazo do crédito aínda que non fosen créditos como os entendemos actualmente. Cos cartos e o ouro ingresados, o Banco de San Carlos dedicábase a financiar grandes obras públicas, como canais, pero non estaban directamente vinculados a empresas de aquí. De feito, é unha das cousas que a historiografía critica a esta banca inicial. A oficina axudaba a atraer crédito pero á vez tamén serviu como ferramenta para drenar ouro e prata da Coruña.

-Asegura que os clientes desta oficina non foron os grandes burgueses.

-Si, porque os máis grandes comerciantes, como Barrié, eran xa banqueiros e para eles, en certo sentido, o Banco de San Carlos era un competidor. Os que compran as letras de cambio son comerciantes que non teñen esa capacidade financeira. Nese sentido si que foi unha ferramenta para o crédito porque creou unha estructura competitiva. Moitos comerciantes, medianos e grandes, tamén de Santiago, usaron o banco para ter letras de cambio.

-Até que punto o banco contribuíu ao desenvolvemento dun tecido productivo na Coruña?

-A clave aquí, máis que o tecido mercantil, é ver como a través da débeda nacional se conecta as pequenas economías e os comerciantes. A marcha do comercio e a marcha da grande finanza, conéctanse por primeira vez co Banco de San Carlos. Non se pode tirar a liña até o século XVI ou XV, onde si había débeda nacional e grandes banqueiros, pero non había este tipo de conexión coa economía productiva.

-Nalgunha desas cartas da época abórdanse temas de espionaxe no porto.

-Si, fálase dalgún caso de falsificación. A delegación do banco na Coruña está moi atenta á falsificación de moeda e vales reais, que son os títulos de débeda. Atopei tamén casos de espionaxe mercantil para saber quen estaba a conseguir os contratos. O banco mandaba todos os anos un informe á oficina sobre quen eran as firmas máis potentes. Controlábanse todas as chegadas de barcos e enviábanse cartas cando chegaban barcos de Holanda. Pódese dicir que director da sucursal tiña unha función de informante.

-Como se reflexan as guerras da época na documentación que estudou?

-Lembro un caso de piratería que se transmite a través desta oficina. É un barco catalán que uns piratas asaltan á saída da Coruña e ao que rouban 25.000 pesos de prata. Tamén se trata moito o tema do corso francés. Durante a guerra contra Inglaterra, nós estabamos aliados con Francia. Por iso, os corsarios franceses apresan moitos barcos holandeses, suecos e ingleses e os traen á Coruña para facer negocio, vendendo rápidamente toda a súa mercancía e mesmo o barco.