Aínda é cedo para ter conclusións claras sobre as carencias e virtudes das bibliotecas municipais. Niso anda agora o Concello, en diagnosticar a saúde destas instalacións e mellorar os seus servizos, o seu funcionamento e a súa imaxe, segundo explica a concelleiro de Culturas, José Manuel Sande.

-Análise, autoexame, reformulación? Que estuda o Concello nas bibliotecas municipais?

-No noso programa viñan varias liñas de actuación dirixidas ás bibliotecas. Falabase dun plan municipal de lectura. Son instalacións sometidas a certa singularidade: o seu funcionamento cara o exterior parece unificado, pero cinco delas teñen un modelo de xestión a cargo dunha empresa. Queremos facer un proceso de diagnose que nos permita ver como funcionan as bibliotecas, analizar os perfís dos usuarios, as relacións internas e a súa imaxe cara ao exterior.

-Que lugar ocupan hoxe as bibliotecas nunha cidade, na sociedade en xeral?

-Entendemos que as bibliotecas son un organismo de excelencia histórico, se cadra máis descoidado nos últimos anos, como se recoñeceu internamente. Nese sentido, había que repensar qué lugar ocupa hoxe unha biblioteca, qué función ten segundo a súa ubicación xeográfica nunha mesma cidade na que pode haber desigualdades e na que hai zonas con funcionamientos distintos. A partir de ese estudio se lanzará o plan municipal de lectura, que é o obxectivo final.

-Búscase un cambio importante, forte, de modelo ou de xestión de servizos?

-Non. Entre outras cousas porque a transformación radical viría de fóra, e isto se está a facer desde dentro e en colaboración cos traballadores. Será un proceso medido polos propios actores. O bo funcionamento das bibliotecas está aí históricamente. O plan é un engadido necesario, non é só unha mostra de agarimo cara ese organismo de excelencia, senón a necesidade de que aumente as súas virtudes e compense as súas necesidades.

-Que potencias e carencias vense logo das primeiras visitas?

-O proceso é iniciático, estamos nos preliminares. Todo o mundo ten que sentirse a gusto e ter a confianza necesaria para transmitir as súas potencialidades e vulnerabilidades. É cedo para lanzar resultados. Ten que haber autoeloxio e tamén autocrítica, con todos os compoñentes de incidencia da concellería e limitacións económicas ou loxísticas do que non funciona tan ben. Os traballadores e nós temos que detectar as carencias ou complexidades, e que dé lugar a un brote das necesidades reais das bibliotecas entendidas como un centro cultural histórico sometido aos retos actuais, que son distintos dos de hai vinte anos.

-Son axeitadas agora as dotacions das bibliotecas en canto a arquivo, profesionalidade, servizos e máis aspectos?

-Diría que foron notables. Fíxose moi bo traballo e moito esforzo en aproveitamento de espazos e en termos loxísticos Agora hai que ver cómo se poden combinar as actividades de cara ao exterior e na parte infraestructural. Debe existir unha maior difusión da actividade e que ninguén quede fóra do acceso a esa información. Os cativos teñen bastante presenza, os adolescentes non. Este é outro dos retos.

-Ter máis e novos servizos atrae a más usuarios?

-Debería, pero non ten por que ser así. É outro dos retos da administración, que non debe funcionar como engranaxe publicitario, senón difundir as súas accións e actividades. O aumento de prestacións e servizos nas bibliotecas feito de xeito coherente e elaborado debería levar máis usuarios. E sobre todo usuarios fieis e ben compenetrados, participativos e non pasivos.