"Galeano dicía que a utopía servía para camiñar. Nós queremos estar presentes, visibles e seguir camiñando". O cómico Pedro Brandariz, un dos xestores da asociación cultural Escola das Utopías, describe así a vontade continuista dun proxecto que nacía hai catro anos nun local do barrio da Agra, e que ven de inaugurar unha nova sala de espectáculos para o público infantil e adulto.

Bautizado co nome de Espazo Utópico (Manuel Deschamps, 5), o recinto "estaba destinado nun principio á realización de obradoiros", como apunta Brandariz, que engade sobre a decisión que os levou a sacar este proxecto adiante: "Somos un colectivo de xente adicada ao teatro, e esta iniciativa xurdiu, dalgún xeito, como laboratorio teatral para probar as creacións que levaremos por Galicia adiante e mostralas ao público, impulsando un intercambio".

Inaugurado cunha festa infantil na que non faltaron elementos como a animación musical, o maquillaxe, a globoflexia e os aperitivos, o Espazo Utópico é froito dun proceso "moi paseniño, no que nunca houbo unha intenciónde lucrarse".

Detrás desta nova iniciativa teatreira atopase un grupo de traballo sobre o que Brandariz apunta:"No núcleo duro estamos unhas catro ou cinco persoas, pero hai espazo para xente que vai probar novas propostas e que tamén está na nosa asociación".

A Escola das Utopías parte dunha estrutura multidisciplinar na que coinciden profesionais de diferentes ramas artísticas, "coma o clown, a música, ou os malabares", e educativas, coma é o caso de Pedro Brandariz, que canaliza a súa especialización como mestre na impartición de talleres didácticos "que, máis aló de entreter, sirvan para educar en valores", unha premisa que cobra un valor engadido tendo en conta que gran parte dos talleres organizados pola Escola das Utopías teñen aos máis pequenos da casa como o seu público obxectivo.

"Coido que as actividades que organizaremos desde o Espazo Utópico para o público infantil e familiar van funcionar moi ben xa que adoita haber moita demanda, e é un horario que permite que se participe", manifesta.

A programación teatral desta nova sala, "aberta a todo aquel que queira ir a ver os espectáculos e tamén a tódalas persoas que se animen a propoñer algunha peza", será levada a escena "os domingos pola mañá, para os pequenos e algún xoves que outro pola tarde para os adultos".

As actividades para adultos comezarán este xoves ás 21.00 horas con Inmedioteces, unha actuación do cómico Víctor Grande e Pedro Brandariz. As do público infantil levaranse a cabo os domingos a partires das 12.30 horas.