Escritor, músico tradicional, e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Rafael Quintía ven de presentar o seu libro La historia de Galicia en 50 lugares, unha escolma dos enclaves máis representativos da nosa terra descritos desde un punto de vista histórico e turístico.

-Como fixo a criba para elixir estes 50 lugares de Galicia?

-Ese foi o gran problema, o patrimonio galego é tan rico que elixir tan só 50 lugares foi algo moi difícil. Os criterios foron diversos, por unha parte buscabamos lugares que foran escenario de episodios históricos concretos, outros os incluimos polo seu valor histórico e a súa monumentalidade, coma é o caso dos castros; outras veces eliximos lugares polo que nos evocan, pola maxia que os envolve, e outras quixemos dar a coñecer lugares monumentales descoñecidos.

-En que medida un só monumento pode transmitir séculos de historia?

-Aínda que un só monumento non teña por que transmitir toda a historia, si que serve para facernos reflexionar sobre esa época. Por exemplo, a Ponte Sampaio, onde houbo unha gran batalla crucial na Guerra da Independencia, é un lugar que nos serve para falar dese fenómeno histórico. Se elixo o Castro de Baroña, é porque serve para falar de todo o que era a cultura da Idade do Ferro en Galicia. Hai lugares que son escenarios dun episodio concreto e outros que evocan toda unha época e nos serven de excusa para falar dese momento. Neste libro, no que tamén se indican as coordenadas gps para visitar estes lugares, a xente que o lea, cando estea alí, vai saber o que aconteceu neses lugares e en que contexto histórico se atopaba Galicia naquela época.

-Este libro ten un alto contido didáctico.

-Si, ademais da descripción e contextualización historica de cada lugar e as súas coordenadas, o libro intercala pequenos capítulos introductorios nos que se contextualizan os episodios, por exemplo, se hai un adicado á arte rupestre, explicase antes en qué consiste esta arte.

-No libro fala sobre o patrimonio material e inmaterial. Este último está a deixarse de lado?

-O inmaterial sempre se transmitiu de forma oral de xeración en xeración. No momento no que se rompeu esa cadea e os vellos deixaron a falar cos máis novos e a sociedade rural, onde se conservaba este xeito de transmisión do coñecemento, se veu desestructurada polo urbanismo e o nacemento doutros intereses na mocidade, comezou a desaparecer todo ese legado valiosísimo que reflicte a nosa forma de ver e estar no mundo, ese molde mental compartido por unha colectividade.

-Coida que non se está a facer fincapé no seu valor desde as aulas?

-Absolutamente, non só desde as aulas, senon desde as propias Administracións Públicas. Nos servizos de patrimonio, sempre se fala do patrimonio material, pero o inmaterial, aínda que ten un nivel de protección teórico, sempre pasa totalmente desapercibido

-Algún estudo que lle atraia e non puidera levar a cabo?

-Gustariame facer un estudo profundo sobre o Entroido de Galicia, e enmarcalo dentro do entroido en Europa. Para facelo, precisaría de moito tempo e apoio que me permitise adicarme so estudo por completo.