O 2016 é un ano de celebracións culturais, cuestión á que non será allea a grande noite do teatro galego, a da gala dos premios María Casares, prevista para as 21.00 horas deste mércores 30 de marzo no teatro Rosalía de Castro. Coa compañía Chévere como mestra de cerimonias, o acto terá presente as dúas décadas de existencia do certame, así como o vixésimo aniversario do falecemento da actriz coruñesa María Casares e centenario das Irmandades da Fala.

Se por algo se caracterizan os premios máis teatreiros de Galicia é por contar, en cada unha das edicións, con grupos de teatro xa consolidados para levar o temón da celebración. Nesta ocasión é a compañía Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, a encargada de deseñar o desenvolvemento da gala.

O director do acto, Xesús Ron, describiu -este luns, nunha rolda de prensa no Concello- o punto de partida da agrupación teatral para conducir a gamela: "A escena norteamericana ten como referente a Broadway, nós en Galicia usaremos o referente da Ultranoite, unha canteira de talento escénico pola que teñen pasado dúas xeracións de creadores ao longo de máis de vinte anos".

Contará Chévere na súa labor como mestres de ceremonias coa colaboración da produtora executiva Marta Horjales e do escenógrafo coruñés Suso Montero, quen deseñou un pano de fondo onde se fundirán o pasado, o presente e o futuro da lingua, o teatro e a cultura galega. De facer efectiva esa fusión encargaranse un total de nove actores e cinco músicos.

Nesta edición dos premios, catorce espectáculos compiten nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns. Entre eles, atópanse a montaxe O principio de Arquímedes, de Teatro do Atlántico, que ten presenza en oito categorías; Ensaio sobre a cegueira, de Sarabela Teatro, que opta a sete galardóns, e Presidente, de Teatro do Morcego, que ten presenza en cinco.

Os María Casares, que como apuntou a vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín, "son un escaparate que inclúe todo o que nos influiu teatralmente neste último ano", terán una programación complementaria da súa labor polo recoñecemento e reivindicación da cultura galega dentro e fóra das fronteirasda comunidade. O heteroxéneo clico foi concibido en torno á figura da actriz con motivo do aniversario do seu pasamento.

A primeira das actividades paralelas organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) terá lugar ás 19.30 horas deste martes no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). A cita consistirá nun coloquio presentado pola vicepresidenta da agrupación, a actriz Mabel Rivera, no que tamén participarán o historiador de cine José Luis Castro de Paz e a investigadora Sabela Hermida, e que estará moderado polo escritor e xornalista Alberto Ramos.

A continuación da mesa redonda, proxectarase na filmoteca galega a película Les enfants du paradis (1945), dirixida polo cineasta francés Marcel Carné e protagonizada por María Casares.

A esta homenaxe sumarase, nos próximos meses, a Casa Museo Casares Quiroga que, segundo apuntou o concelleiro de Culturas José Manuel Sande, adquirirá "unha reformulación artística e cultural, para non limitala á dimensión contemplativa".

A gala poderá seguirse por streaming a partires das 21.00 horas deste mércores tanto na web da TVG como na da asociación, e será retransmitida en diferido pola segunda canle da TVG. A través de Twitter, anunciaranse os nomes dos gañadores a tempo real e empregarase o hashtag #oscasares #oscasarespara comentar o evento, no que ademais será entregado o Premio de Honra Marisa Soto á Revista Galega de Teatro e á xornalista Montse Dopico lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.