A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conta co primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego, que busca ser unha ferramenta para profesionais do ensino e para as familias, que marque o camiño a seguir para unha actuación o máis temperá posible, percibindo os primeiros indicadores; e que axude a orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación do alumnado con TEA. O documento articúlase en epígrafes, centrados no concepto do TEA, a diagnose do mesmo, o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de seguimento e avaliación. O protocolo facilita unha relación de indicadores para que as familias e os centros poidan distinguir signos ou manifestacións do trastorno. Neste sentido, os signos que o profesorado titor detecte deberán ser comunicados ás familias e ó departamento de orientación, que iniciará unha avaliación psicopedagóxica para valorar a posible existencia de TEA. O protocolo recomenda a escolarización con carácter preferente en centros ordinarios e sinala a necesidade de personalización da intervención educativa, que poderá facerse a través da adaptación curricular ou outras medidas. En todo caso, establécese que os axustes deben tratar de dar prioridade aos contidos que fan referencia aos aspectos comunicativos e ás competencias de tipo social e promover aprendizaxes funcionais, encamiñadas a lograr a maior autonomía posible.