O maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Luis Villares, participou onte nas xornadas sobre a nova Lei do Solo, no Paraninfo da Reitoría. É crítico co texto xa que considera que promove a edificación a "calquera prezo" e deixa á marxe os ideais do urbanismo.

-Cal é a súa opinión sobre esta nova Lei do Solo?

-Creo que ten graves insuficiencias, que non atende ás necesidades e non aposta claramente por un modelo territorial sostible no tempo. Busca planeamentos que se ocupen unicamente de fomentar a edificación a calquera custo. O que se vén dicindo desde hai moito tempo desde os tribunais é que cómpre avanzar cara a un urbanismo moito máis racional. Temos un problema moi grave con como se ocupou o territorio e con como se relacionan as grandes cidades co resto das vilas. Esa polémica non se resolve satisfactoriamente coa nova lei que, no nome da crise e no de fomentar a economía, utiliza o ladrillo. A lei consolida o modelo de crecemento urbanístico fomentando a edificación por enriba do que debería ser a verdadeira función do urbanismo, que é crear espazos habitables, atractivos, cómodos...

-Por que?

-Pretende, cunhas directrices mínimas, permitir a edificación. A ordenación do territorio ten que ser concibida nun conxunto e parece que esta lei non quere vela así. Hai tamén unha relaxación previa dos controis da Administración á hora de autorizar determinados usos do solo, nun contexto no que xa non había moito. Perdeuse a oportunidade de dotar á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) de competencias para que todo o relacionado coa disciplina urbanística estivese o máis afastado posible dos concellos. O urbanismo galego revelou que a proximidade entre a Administración e os administrados acababa sendo negativa.

-Por que razóns?

-Polo feito de que sexa o alcalde dunha vila pequena o que teña que dar a orde de derrubamento dunha vivenda, é algo que politicamente sempre foi difícil de asumir.

-Elimínase o "ti vai facendo" que tan popular se fixo nalgúns concellos?

-Non, non se pon remedio a ese fenómeno. Non se pode contentar a todos, pero as cidades non poden medrar ilimitadamente nin de calquera forma.

-Algúns concellos, como o da Coruña, enfróntanse ao pago de grandes indemnizacións por decisións urbanísticas. Refírese a lei á responsabilidade de quen toma as decisións nestes casos?

-Esa é outra oportunidade perdida. Está redactada con liñas moi xerais e deberan preverse feitos coma ese. Por exemplo, as licencias non poden ser, en modo algún, condicionadas. Aí non empeorou a lei, pero non se regulou mellor. A creación dunha lei aparte, por exemplo, para resolver o tema do PXOM de Vigo supón un quebranto moi importante dos principios urbanísticos. É a posibilidade de facer obras contrarias á legalidade. Dise que se fan de costas ao plan municipal porque son urxentes e de interese xeral e que a tramitación dun PXOM ou dunha modificación da lei de carácter ordinario leva moito tempo. É certo, pero é por algo. Definir como vai ser unha cidade leva tempo e a participación cidadá é esencial e este sistema sáltase todo iso. Hai ademais unha quebra do principio de igualdade.

-Por que non se trata igual a unha grande empresa que a un veciño dunha vila?

-Os veciños para poder faceren as súas obras teñen que pasar un redeseño do plan e unha tramitación lenta e outros teñen outras vías nas que se poden saltar todo iso. Para a cidadanía é difícil de entender e o Concello, que é quen ten que deseñar o plan, perde case todo o poder nestas actuacións. É unha mágoa que podendo facer ben as cousas se fagan mal en nome dunha suposta urxencia. O que para hoxe pode ser unha urxencia, dentro de 50 anos, vai quedar aí e a urxencia que nos metemos neste momento pode que nos faga atentar contra o modelo urbanístico que tiñamos para o longo prazo. Temos que pensar no futuro e sermos solidarios cos que veñen detrás. Non nos poden privar, en nome dunha urxencia, do noso dereito a decidirmos como queremos ter a nosa cidade e os nosos espazos públicos.

-O urbanismo e a política van sempre ligados, poderíase definir polas súas construcións os gobernos que pasaron polos concellos galegos?

-Existen modelos de maior participación ca outros, hai municipios que se preocupan pola importancia do espazo público, porque teñan unha calidade aceptable, con menos coches e outros que non. Si que podemos intuír se tiveron gobernos de esquerdas ou de dereitas. O urbanismo de Pontevedra está sendo recoñecido a nivel internacional. Hai certas actuacións que denotan unha preocupación pola recuperación de espazos para a cidadanía, como cando se selou o vertedoiro de Bens. Todo iso son as pezas dun gran puzle que é a ordenación urbanística, que ten que responder a que teñamos vilas e cidades cómodas e atractivas. Todo o que se afaste dese ideal no nome dunha suposta urxencia para ter máis emprego inmediatamente na construción é un erro.

-Hai obras que afean a fachada da cidade, como os pisos que tapan a vista da Torre de Hércules, é reversible esta situación?

-Para os edificios que foron construídos legalmente é complicado dar unha solución a curto ou medio prazo, xa que están chamados estar aí durante décadas. O que temos que ter é un pacto polo sentido común e pola racionalidade. Desfacer unha autoestrada, por exemplo, custa moitos cartos, hai que indemnizar os propietarios... É moi importante que sexa unha decisión meditada. Realmente precisamos neste momento unha lei que poña as formigoneiras en marcha? Seguramente non.

-E logo da construción, que pasa se non se venden as vivendas?

-Ese é un dos fracasos da ocupación do territorio da década pasada. Pasou en Lugo e tamén en Miño coa construción descabellada e iso non se tería que ter permitido. Ningunha lei debera promover iso. A situación de crise actual é unha oportunidade para pensar con calma o modelo urbanístico que queremos. Antes estaba a formigoneira todo o tempo en marcha e non había tempo para pensar, pero agora si.

-Véndese esta nova lei do solo como unha solución ao feísmo, entendido como unha casa de bloques sen pintar e non como un edificio de sete alturas ao carón da praia.

-Hai moita hipocrisía nese tema. A lei anterior xa regulaba a obriga de rematar as edificacións. Ese engádego específico é máis de propaganda que de efectividade xurídica.

-Na Coruña hai varios casos, como o do edificio Conde de Fenosa, que crean un agravio comparativo entre os veciños, por exemplo do ofimático.

-Iso aos xuíces danos moita rabia. Durante moitos anos non se quixo enfrontar este problema con contundencia, pero a solución non é que todo o mundo poida eludir o cumplimento das sentenzas.