En tan só trinta anos unha grande parte do patrimonio público foi privatizado. O urbanismo irracional e maltreito foi o signo externo no que millor se reflexou a especulación nesta cidade e no que agora van quedando as súas consecuencias en forma de ventas e poxa de terreos públicos. Casi todo canto se fixo en política de vivenda durante esa etapa e ata o final da orxía urbanística, foi emparentada coa especulación desaforada. Naturalmente que existe un paseo marítimo, recintos científicos, centros cívicos ou culturais, pero a idea que prevaleceu foi a maridaxe entre unha parte da clase política, promotores e entidades financieiras. Dominaba a cantinela teimudamente propagada de que había que deixar facer, deixar falar a alcaldes e concelleiros de urbanismo, soportar as súas disertacións para ter que cargar agora os cidadáns coa cruz dos excesos cometidos.

O convenio suscrito en 1984 entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Defensa recollía a futura ordenación urbanística para unha parte da Cidade Vella respecto a instalacións que o estamento militar pretendía adaptar a usos diferentes aos empregados ata entón. Pois ben, a poxa que Defensa anunciou o pasado 24 de febreiro pretende embolsarse 24,8 millóns de euros por uns terreos da Maestranza que formaron parte do sistema de protección da cidade para a súa defensa: un total de 5.316 metros cadrados, 29.262 edificables, fixando en determinados ámbitos usos residenciales cunha edificabilidade de 0,30 metros cadrados por metro cadrado.

Aquel convenio atopou abono nun escenario financieiro fértil e tomou impulso coa confirmación de que A Coruña gozaba de estabilidade, unha etapa na que se apoiou a fogosa eclosión de edificios e actuacións urbanísticas alleas ás necesidades dunha grande parte da poboación. Pero agora aquel ciclo expansivo, combinado coa liberalización mundial dos movementos de capitales, está mellando o sistema ata o ponto de ter que recurrir á venta de patrimonio público para salvar as finanzas de diversas institucións. A crise abriu brecha para unha recesión e unha grande desorientación por no poder cadrar as contas que, agora, se intenta combater coa poxa ou venta do común.

Por iso, dende a Comisión Aberta en Defensa do Común queremos evitar que se consumen as pretensións especulativas de Defensa e que as tres parcelas en cuestión sexan devoltas á cidadanía coruñesa para uso público, así como que por parte do Concello se proceda á modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para a posta en valor do patrimonio urbanístico, arquitectónico e arqueolóxico, adaptando os espazos resultantes ás inquietudes culturais e sociais da cidade, e non ao servizo de intereses especulativos.

Só o transcurso do tempo concede perspectiva suficiente para constatar agora que os excesos cometidos en materia de urbanismo non poden intentar repararse dilapidando o patrimonio público, aínda que ate o de agora poucos supoñían que o urbanismo tamén ten os seus descontos.