Feijóo anuncia que recuncará como candidato á Xunta mais non ve motivos para un adianto electoral. Unha primeira lectura invitaba a pensar que as autonómicas en xuño serían o escenario ideal para un aspirante de sobra coñecido que atoparía a unha oposición en fase de recomposición. Mais decide agardar.

No cuartel xeral do PPdeG confían na baixada dunha marea que se levou parte importante do seu poder local en maio e que deu un susto nas recentes xerais, converténdose en segunda forza en Galicia. Co escenario de Madrid aínda sen aclarar, é lóxico que os populares galegos desconfíen da aparente debilidade dun movemento que demostrou ser quen de proxectar en cuestión de meses novos liderazgos. Aí está Xulio Ferreiro. Feijóo agarda polos erros alleos, polo desgaste do poder tanto nos "gobernos do cambio" como en Podemos, a onda sobre a que as mareas galegas surfearon.

Episodios como o deste venres no pleno do orzamento reforzan o relato que os populares xa están despregando: non hai unha alternativa ao PPdeG que non estea trufada de sobresaltos. As discrepancias entre a Marea e o PSOE chegaron ao punto de que os socialistas coruñeses selaron nunha mañá un preacordo co PP sobre as enmendas que non foron quen de acadar en meses de negociación co Goberno. O motivo: unha modificación nas bases de execución do orzamento da que, malia ser certa, os socialistas non dixeran unha palabra até o pleno e que nen sequera pedían modificar nas súas enmendas. A iso, súmase o feito de non poder pactar en catro meses unha lista de cambios no proxecto orzamentario coa Marea. Si o logrou, e en cuestión de días, o BNG, e non será polo seu interese en tratar con luva de seda a un Ferreiro que devorou o seu espazo electoral.

A postura do PSOE local inquieta na dirección do seu partido. A Coruña converteuse nun escaparate do que pode ser un país sen maiorías absolutas. Unha Galicia na que o espazo das Mareas e o PSdeG estarían chamados a entenderse. De momento, a capacidade de entablar unha relación cordial deixa que desexar. Munición para o PP. Lembren: "O caos ou nós".