Fan unha lectura da cidade diferente, poñendo a vista noutros puntos, máis alá dos que sempre saen nos mapas. Xa fixeran algo semellante hai dous anos no Castrillón e desde hoxe, expoñen as súas conclusións sobre a súa análise de San Pedro de Visma, no Ágora. Son os membros do colectivo 1AUN, mais tamén os estudantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e os alumnos do colexio San Pedro de Visma e algúns dos socios da entidade veciñal.

Percorreron desde o mes de setembro o barrio buscando "elementos diferenciadores", sinalando os espazos que, aínda sen parecelo, son tamén cidade e agora xuntan as súas impresións nunha exposición que estará aberta ao público até o 22 de abril no recibidor do Ágora.

O acto central será hoxe para os participantes na experiencia, e contará coa presenza do escritor e artista Xurxo Souto, que lle porá voz ás conclusións do estudo.

"Nos mapas convencionais non sae, por exemplo, que detrás do Ágora hai vacas e un pouco máis para adiante, hai ovellas", explica Valerio González, un dos membros do colectivo 1AUN. Forma parte da experiencia #OLimiteDaCidade-SanPedroDeVisMAP, unha ollada diferente aos barrios da cidade.

Os participantes tomaron imaxes, falaron das fontes, dos sitios desde os que se conseguen "as mellores vistas" e desas outras arquitecturas que, aínda cando están na cidade, manteñen o espírito das aldeas, os alpendres nos que os veciños gardan todas as ferramentas que, durante o día, lles valen para darlle vida aos seus terreos.

"Queremos poñer en dúbida os cánones e cuestionar as formas do uso dos espazos", explica Valerio González, que lembra tamén como os rapaces do centro educativo de San Pedro de Visma percorreron o barrio e fixeron o que en arquitectura se chama mapeo, que é identificar o que diferentes persoas ven nun determinado espazo.

"Así xeramos un mapa con cousas que non aparecen nos mapas convencionais", comenta González. Nesa experiencia, os membros Colectivo 1AUN impartiron "unha pequena clase" aos rapaces "contándolles a relación entre a construción do territorio e as necesidades da xente", como evoluciona a paisaxe segundo van cambiando as demandas da cidadanía e como resisten outros espazos a pesar da présa e dos anos.

Lembra non só os campos onde pacen as vacas senón tamén un bloque de formigón que uns veciños puxeron nunha rúa nas Xubias para crear "un espazo de relación", un "sentadoiro", no que poder esperar e contar, agardar e sentirse acompañado polas tardes.

O seu obxectivo é que a información compilada poida ser "consultada", así que, os debuxos, as fotografías, os textos poderán verse até o 22 de abril no Ágora.

O proxecto nace con vocación de permanencia, de estender a metodoloxía a todos os barrios da cidade, para que cada un dos espazos teñan o seu catálogo, os seus límites marcados e o seu estudo dos lugares diferentes. Polo de agora, só foron obxecto de investigación O Castrillón, no ano 2014, e San Pedro de Visma, desde o ano pasado.