ÚLTIMA HORA
Empate entre Las Palmas y Espanyol tras fallar un penalti los canarios en el último minuto (2-2)
Avia Veira Portavoz do grupo municipal do BNG-Asembleas Abertas

"Votar as enmendas ao orzamento sen informes técnicos foi unha trapallada"

"Estes meses demostraron a falta de dotes negociadoras por parte de Goberno e PSOE" - "Na remunicipalización de servizos, non vemos na Marea a rebeldía necesaria"

07.04.2016 | 02:49
A concelleira do BNG, Avia Veira, en María Pita.

A portavoz municipal do BNG, Avia Veira, foi a única edil de María Pita que non participou o venres nunha votación crucial como a da aprobación inicial do orzamento de 2016. Marchou por vontade propia, convencida de que o simple debate dunhas enmendas que non contaban cos informes técnicos municipais foi unha "trapallada". Despois de tres meses e medio de negociacións entre Goberno e PSOE, considera que ambas partes carecen de habilidades negociadoras aínda que non entende por que os socialistas tardaron tanto en plantexar as súas propostas. "Supoño que por intereses de partido", asegura

-Abandonou o pleno do orzamento e acusou ao resto de formacións de "irresponsables" por ter accedido a votar. Por que?

-Parecíame unha irresponsabilidade continuar porque as enmendas presentáronse media hora antes do pleno. Non houbo tempo de que os técnicos municipais analizasen que supoñían estas enmendas e que efectos poderían ter no orzamento. Eu entendín que para que todo o mundo tivese claro que se estaba votando era preciso aprazar o pleno até ter os informes, por prudencia. O alcalde non quixo que fose así e eu, por dignidade política e responsabilidade, dicidín erguerme porque o se estaba a votar era unha trapallada.

-De terse acreditado a validez técnica das enmendas, que tería votado o BNG?

-Da enmenda do PP votaría en contra porque fai unha aposta total polo tecido asociativo veciñal que creou o propio PP cando estaba no Goberno e que pretende impoñer absolutamente. É un modelo que, ademais, non se basea en subvencións senón en convenios nominativos a dedo, e iso foi algo co que nós fomos moi críticos durante os catro anos de mandato de Negreira e que non podemos apoiar baixo ningún concepto.

-Que postura tería na enmenda do PSOE?

-Pois depende do que dixesen os informes porque se dá de baixa moito gasto corrente que pode estar comprometido. Unha das baixas de crédito que se fan nesa enmenda elimina máis crédito do que xa estaba previsto no orzamento presentado pola Marea. Polo tanto, non podemos apoiar algo que está elaborado de forma incorrecta e non sabemos que consecuencias tería no orzamento.

-O PP e o PSOE votaron xuntos unha enmnenda dos populares que cambia as bases de execución do orzamento que propoñía o Goberno da Marea. A quen apoia neste debate?

-Eu non tería votado a favor das bases de execución que plantexaba o PP. Entendo que as atribucións do alcalde eran prácticamente as que houbo sempre e tampouco entendo a argumentación de que hai que cambialo porque agora están gobernando en minoría. Entendo que un alcalde con maioría absoluta podería ter a opción de lévalo todo a pleno porque o pode sacar sen problema, pero está claro que un alcalde en minoría non vai ter esa marxe. Non entendo ese cambio cando non se intentou levar a cabo en anteriores etapas.

-O Goberno acusa a PP e PSOE de ter un pacto oculto para coordinarse na votación das enmendas contra o Goberno. Está dacordo?

-No que fan o resto de grupos non me vou meter pero vou dar dous datos. Tanto PP como PSOE modificaron as enmendas que meteran por rexistro, teoricamente para facilitar o voto, eles saberán de quen, e despois os feitos din que votaron o mesmo os dous. O PP apoiou enmendas do PSOE e o PSOE as do PP. Polo tanto, non sei se tiñan algo falado pero os feitos din que se apoiaron mutuamente no pleno.

-O BNG chegou a un acordo co Goberno en cuestión de semanas. Co PSOE non foi posible en máis de tres meses. Que cre que fallou?

-As negociacións do orzamento destes meses demostran que faltan dotes negociadoras por ambas partes, tanto polo Goberno como polo PSOE. Senón, non se entende o que aconteceu. Non vou entrar a xulgar a labor de oposición doutros grupos, pero se o PSOE tivo posibilidades de poñer enriba da mesa as súas propostas debería telo feito moito antes. Nós fixémolo e eles non. Eles saberán por que actuaron así, supoño que os movería unha cuestion táctica e de partido. Nós entendimos que había que poñer os intereses da cidade por riba de cuestións partidistas e de problemas de parella, que foi o que pareceu a relación entre Marea e PSOE. Non podiamos continuar cos orzamento do PP prorrogados e, por iso, analizamos o documento, presentamos as nosas propostas e negociamos que se incluía e que non.

-Cales foron as principais achegas que introduciu o BNG?

-Aumentamos os investimentos en barrios, como Bens, Os Rosales ou Barrio das Flores, que estiveron totalmente esquecidos despois de catro anos de Goberno de PP nos que se priorizou só o centro da cidade. Tamén introducimos 700.000 euros para amañar os colexios con problemas, como o María Barbeito, Labaca o Sanjurjo de Carricarte, dos que se debería estar facendo cargo a Xunta pero que ten esquecidos, ou 200.000 euros para crear un Banco de Locais Comerciais. O mesmo acontece coas bibliotecas ou os mercados municipais. Grazas ás nosas propostas haberá máis fondos para a compra de libros e o amaño das prazas, que precisan investimentos.

-Lamentan que non se aposte máis pola remunicipalización de servizos. É posible facer isto coas limitacións de gasto e contratación da lei estatal?

-Nas nosas propostas eliminabamos partidas para estudos e traballos técnicos porque había un peso moi importante das externalizacións. Este goberno veu prometendo remunicipalizacións pero non hai visos de que o vaia facer. A lei é restrictiva pero nela tamén se di que, se se declaran esenciais algúns servizos, pódese facer. En Verín, o BNG remunicipalizou a ORA o primeiro mes tras chegar ao Goberno. Non vemos neste tema a rebeldía necesaria por parte da Marea Atlántica.

-Van presentar alegacións?

-Si, solicitaremos maior concreción das obras nos barrios. De tódolos xeitos, antes de facer alegacións temos que coñecer como queda o documento finalmente. A nosa intención no pleno do venres ía ser absternos na votación inicial e tentar facer alegacións pensando nos barrios.

-Se orzamento queda tal e como se aprobou o venres, que votará no pleno da aprobación definitiva?

-Dubido que poidamos votar a favor. Se iamos votar en contra da enmenda do PP e o orzamento final a inclúe, supoño que teriamos que votar en contra. De feito, non entendemos que haxa outros partidos que voten a favor desa enmenda no pleno co que implica no modelo de convenios nominativos coas asociacións.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine