"A luz artificial non é inocua para o ser humano nin para o medio ambiente, polo que hai que usala con sentido", afirma Martin Pawley, directivo da Agrupación Astronómica Ío, un dos colectivos que tenta sensibilizar na Coruña sobre as consecuencias da contaminación luminosa, causada polo excesos coa iluminación, que, segundo explica, "ten moitas implicacións moi interesantes e moi inquietantes".

Por contaminación luminosa enténdese calquera efecto negativo da luz artificial, entre os que figura o resplandor que xeran as cidades e que impide ver o ceo. "Iso é un pracer para os afeccionados á Astronomía, pero tamén é obxecto de traballo para os científicos", lembra Pawley, polo que os observatorios cada vez están máis lonxe das cidades. No caso da Agrupación Ío, o seu lugar de observación habitual é a área recreativa de San Xoán, en Guitiriz, a 40 kilómetros en liña recta, e mesmo alí "molesta o resplandor que chega da Coruña".

Pero os prexuízos tamén chegan aos animais porque a vida na terra desenvolveuse sempre nun contexto de día e noite e tanta contaminación luminosa "fai que a noite non sexa tal", explica Pawley. Hai paxaros que emigran pola noite guiándose polas estrelas que agora quedan desorientados e millóns de aves morren estreladas contra os edificios deslumbradas pola luz, mentres que os insectos e os morcegos tamén resultan afectados, ademais da fauna mariña, porque os paseos marítimos como o da Coruña están iluminados cara ao mar.

Tamén o home está afectado, salienta este amante da Astronomía, porque os estudos feitos sobre a melatonina, a hormona que se segrega de noite e que regula os ritmos metabólicos, revelan que a presenza de luz artificial masiva "fai que non detectemos ben a noite e que se produzan alteracións do sono e problemas de descanso", ao que se engaden as relacións destes fenómenos con enfermidades graves.

As consecuencias da mala iluminación tamén son económicas, porque se dilapidan recursos enerxéticos. "Salvo honrosas excepcións, non se alumea ben", afirma Pawley, quen considera que as administracións non son conscientes da magnitude do problema porque orientan a súa actuación cara á eficiencia enerxética e non teñen en conta a contaminación luminosa.

Para evitar este problema, os farois deben iluminar cara ao chan e o máis planos que sexa posible, ademais de apantallados. "En moitas rúas non necesitamos farois tan altos, que ademais meten luz nos fogares que é imposible evitar", salienta este astrónomo afeccionado, quen menciona que as normas básicas para iluminación son iluminar só onde se debe e só cando se debe, que é de noite, "aínda que na Coruña acéndense as luces antes de que se poña o sol e apáganse despois de que saia, o que non é legal".

"Hai instalacións que quedan acendidas toda a noite, como os parques", ademais de pistas deportivas, comenta Pawley, quen cita outra regra para a iluminación correcta: empregar unha cantidade suficiente e non excesiva. "A maioría das luminarias da cidade emiten moita máis luz da necesaria, polo que sería difícil destacar algún lugar onde non sexa esaxerada", sinala este experto, que lembra ademais que a lexislación obriga a que o consumo se reduza a partir de certa hora porque as necesidades non son as mesmas, aínda que en moitos lugares da cidade a iluminación pública non están adaptada neste sentido.

Pawley considera que o problema que sofre A Coruña está xeneralizado en España, onde o gasto en iluminación exterior por habitante é moito máis elevado que en Alemaña. Na súa opinión, "pódese vivir ben de noite iluminando ben, xa que ninguén pide que se apaguen as luces, senón que se usen con lóxica".