Desde o seu nacemento na primeira metade do século XIX, a fotografía ten servido para deixar constancia do paso do tempo a través de diferentes elementos expostos ante o obxectivo e para conxelar momentos case imperceptibles pola fugacidade da súa condición. Desta última función parte Correos, unha mostra realizada polo fotógrafo Vari Caramés que permanecerá exposta na galería Salasal da cafetería Linda Rama (Porta de Aires, 4) ata o próximo 15 de xuño.

A exposición está composta por "unha ducia de fotografías", tomadas por Caramés "entre finais dos anos oitenta e finais dos noventa, aproximadamente" nas que se retratan distintas situacións acaecidas arredor do edificio de Correos da cidade, unha construción dos anos trinta pola que o autor recoñece sentirse "fascinado desde neno, debido á apariencia cinematográfica da súa estructura".

A atracción de Caramés pola arquitectura ven de lonxe. Non en vano, cursou estudos de Arquitectura Técnica que non chegou a concluir pero que si deixaron pegada na súa carreira como fotógrafo autodidacta. En Correos, Caramés recoñece utilizar a disciplina arquitectónica "coma telón de fondo" que serve coma pretexto para "falar doutra serie de cousas que pasan na cidade", historias que falan por si soas encadradas nun escenario que semella inmutable.

Caramés foi quen de plasmar os anteditos momentos suxestivos a través da súa cámara durante unha década. Se outros fotógrafos centran as súas creacións nunha vontade de reflectir os cambios da paisaxe e as persoas ao longo dos anos, Caramés apunta: "O espazo-tempo sempre é importante pero, no meu traballo, normalmente convoco situacións de atemporalidade, quítolles a capa de actualidade na medida en que me é posible. Hai situación nas que se percibe o paso do tempo, pero tampouco é o elemento de maior relevancia".

O feito de expoñer Correos na galería de Linda Rama supuxo unha oportunidade "ilusionante" para Vari Caramés, que ata este momento tivera gardada esta colección fotográfica e lle apetecía "facela visible nunha sala moi interesante para estructurar unha pequena serie".

A de Vari Caramés é a "terceira exposición" presentada na Salasal, unha galería alternativa adicada en exclusiva a mostras fotográficas de artistas "emerxentes cunha obra moi fresca e moi potente", como explica o autor. Aínda que Caramés conta cunha ampla traxectoria dentro do mundo da fotografía, a súa exhibición na Salasal, ademais de permitirlle sacar á luz un traballo inédito, supón unha volta aos seus inicios profesionais no mundo da creación fotográfica, coma el mesmo explica: "Para min foi unha especie de volta ás miñas orixes porque, na miña xeración, todos comezamos expoñendo en lugares alternativos, e fíxome ilusión por esa chiscadela, por ter a oportunidade de voltar a atoparme cos meus referentes".

As instantáneas asinadas e numeradas de Vari Caramés poderán ser adquiridas a 50 euros por unidade, mentres permaneza dispoñible a exposición, ata agotar existencias. As reservas poden realizarse no enderezo info@salasal.net.